• O alcalde promove unha fronte común para rexeitar o proxecto e anuncia a presentación de alegacións
• O Concello lembra que o operador carece das autorizacións sectoriais pertinentes
O Concello de Abegondo reitera a súa “oposición rotunda” ao novo proxecto de subestación eléctrica que Rede Eléctrica Española quere levar a cabo no municipio. Así o expresa o alcalde, José Antonio Santiso, que subliña que “recorreremos a todos os medios, incluídos os legais ata a última instancia, para evitar esta infraestrutura en Abegondo”.
O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe o anuncio da Delegación do Goberno en Galicia para someter a información pública o outorgamento da declaración de utilidade pública e as autorizacións previas do proxecto. Tamén figura hoxe no BOP un segundo anuncio do Goberno central dun trámite similar para un novo tramo de liña aérea de transporte de enerxía eléctrica con entrada e saída na mencionada subestación.
O proxecto de Rede Eléctrica é diferente, e con distinta finalidade, ao previsto no seu día na planificación 2015 – 2020 da compañía, deseñado entón para reforzar a alimentación da cidade da Coruña. Foi descartado posteriormente cun rexeitamento unánime de Concello e veciños, e sen dispoñer do beneplácito de AESA.
Este novo proxecto está motivado por dúas cuestións: alimentar ao AVE e a evacuación da enerxía de parques eólicos. Derivará dita enerxía cara ás Pontes, emprazamento moi afastado de Abegondo.
A pesar do cambio absoluto na xustificación para construír a subestación, a petición mantense para o mesmo punto na parroquia de Folgoso, algo que para Santiso “é unha tomadura de pelo”. “Carece de sentido levantar unha infraestrutura con este impacto nun municipio tan afastado do destino da enerxía”, sostén.
O goberno municipal lembra que esta actuación non dispón das autorizacións sectoriais pertinentes. E pregúntase por que AESA vai cambiar de parecer se o emprazamento é o mesmo, salvo que se exima a todo o municipio de Abegondo da tramitación obrigatoria con Seguridade Aérea.
Santiso promoverá unha fronte común no Concello para rexeitar este proxecto de subestación. Por iso, convocará unha reunión cos representantes da corporación e os técnicos municipais para analizar a situación, redactar alegacións e levalas ao pleno para presentalas #ante o Goberno do Estado.
O alcalde esixirá un informe de impacto ambiental que abarque ao conxunto do parque eléctrico e as liñas aéreas xa que será o termómetro real da afección que implicará no territorio. Cinguirse á subestación é unha “fraude”, expresa. Nesta demanda implicará á Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas.
O rexedor reafirma o “hartazgo” de Abegondo de padecer o paso de infraestruturas que xeran afección pero non supoñen ningún beneficio para os veciños. Por iso, advirte, “loitaremos por todas as vías para frealo”.