Friday 22 de November de 2024

Aberto o prazo de inscrición na segunda edición do “Trail Costa Ártabra”


O concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, e o presidente da Agrupación de Bombeiros de Narón, Luis García, presentaron hoxe a segunda edición do “Trail Costa Ártabra”, que se desenvolverá o vindeiro 17 de setembro. O concelleiro de Deportes avanzou que as persoas que desexen participar poden anotarse, ata o 12 de setembro, a través da web: www.rockthesport.com. A participación no conxunto das modalidades está limitada a 300 persoas.

Os participantes, que deben ter cumpridos os 18 anos ou ter autorización do pai/nai/titor no caso de ser menores, poderán elixir unha das dúas modalidades do trail, o longo de 27 quilómetros ou o curto de 14, ou a andaina, de oito quilómetros, cos pertinentes puntos de avituallamento. En todos os casos a saída e a meta será das inmediacións da Cooperativa do Val, na citada parroquia, e o tramo a percorrer discorrerá íntegramente polo termo municipal naronés, concretamente pola Senda Ártabra. A saída será ás 9.15 horas para o trail longo; ás 9.30 para a andaina e ás 9.45 para o trail curto e o peche de meta está previsto para as 13.00 horas.

“Hai un cambio no percorrido con respecto á anterior edición para dar máis visibilidade a diferentes zonas da Costa Ártabra, pasando igual pola Pena Molexa e a Pena Lopesa pero indo cara aos montes da Lagoa, unha zona espectacular, nun punto moi elevado no que se ven todas as praias do litoral de Ferrolterra”, explicou García.

Haberá trofeos para os tres primeiros clasificados de cada categoría establecida, masculina e feminina, para as categorías sénior e veteráns e a entrega será sobre as 13.15 horas. Na modalidade da andaina, limitada a 50 prazas, non haberá premios nin cronometraxe.

O edil de Deportes agradeceu á Agrupación de Bombeiros de Narón a súa implicación para convocar a segunda edición deste evento deportivo na cidade. Ao mesmo tempo, Santalla animou ás veciñas e veciños a inscribirse no mesmo, para desfrutar dunha xornada marcada polo deporte e co aliciente de desenvolverse nun entorno privilexiado da cidade.