O bombeiro do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento (Speis) de Narón e presidente da Agrupación de Bombeiros de Narón, Luis García, obtivo hai unhas semanas a medalla de ouro na proba de “Rowing indoor 2000 metros” nos Xogos Olímpicos de Policías e Bombeiros –“World Police & Fire Games”- celebrados na cidade de Winnipeg, en Canadá. Con motivo deste éxito deportivo participou hoxe nunha recepción oficial no Concello presidida pola alcaldesa, Marián Ferreiro, e na que tamén estiveron os edís de Deportes e Speis, Ibán Santalla e José Oreona.
A maiores o bombeiro naronés acadou outras dúas medallas de ouro nas categorías “Rowing indoor 500 m” e “Fullfighter equipo masculino”; unha plata nesta última modalidade e un bronce no “Stair race individual”. Na convocatoria do pasado ano, a primeira na que se presentou, Luis García obtivo tamén un destacado resultado, cunha medalla de bronce na modalidade de “Stair race”, que consiste en subir as escaleiras dun edificio de corenta plantas no menor tempo posible.
No citado evento participan integrantes dos corpos de bombeiros, policía, aduanas e servizos penitenciarios de ata 50 países do mundo, unhas 13.000 persoas en total.
A alcaldesa e os edís interesáronse pola experiencia de Luis García nesta segunda participación neste evento e tamén por como se preparou e durante canto tempo. O bombeiro naronés contóulles que nos últimos dous meses centrouse específicamente nesta proba, se ben practica deporte durante todo o ano. Os seus logros a nivel individual e en grupo, con homónimos do parque de bombeiros da Coruña, son froito desa práctica deportiva continuada. Os vindeiros xogos olímpicos específicos para o colectivo, dentro de dous anos, serán en Alabama (USA), a onde prevé acudir, tanto polo incentivo deportivo como por coñecer novos países.
A alcaldesa, xunto cos edís naroneses, felicitou a Luis García polos logros e a súa traxectoria, e incidiu en que “é todo un orgullo que un profesional neste caso do parque de bombeiros de Narón leve o nome da nosa cidade polo mundo adiante”.