Friday 22 de November de 2024

Marta Abal ao concelleiro de Facenda: “valoramos o seu esforzo en poñerse a ‘tirita’ antes da ferida, agora que son conscientes de que a xestión do Concello non é tan sinxela como semellaba nos comentarios desde a oposición


A concelleira socialista defendeu os avances dados en materia de modernización da administración e corrixe ao edil: “o FIRMA DOC comezouse a implantar en marzo e o contrato de impresoras licitouse antes de deixar o goberno”

“Xa nos tivera gustado a nós chegar con todos eses pasos dados. En cambio o que nos atopamos en 2019 foi unha administración completamente obsoleta” afirmou Abal sinalando os oito anos “perdidos” de PP e CA

Poñer a ‘tirita’ antes da ferida. Esa é, a ollos dos socialistas, a estratexia do concelleiro de Facenda que onte saía en rolda de prensa analizando a xestión do Concello falando dunha reorganización dos 51 centros xestores do concello “na que xa estabamos traballando” e dun seguimento diario de facturas “que se pode facer grazas á modernización que se acometeu nos últimos catro anos” explicou a que fora responsable das áreas de Persoal, Modernización da Administración e Facenda durante o pasado mandato.

Abal que recordou que durante os “oito anos anteriores ao noso goberno non se fixera absolutamente nada para adaptar a administración aos novos retos de xestión”, defendeu o legado que deixan os socialistas tamén en materia de contratación: “deixamos máis do 95% das prestacións do concello regularizadas ou en proceso de regularización”. Precisamente recalcou que “o contrato de combustible para o parque móbil do concello está formalizado dende o mes de xullo de 2022 e o contrato de impresoras licitouse tamén antes que entrase o novo goberno” en contra do que afirmaba o pasado xoves o concelleiro do BNG.

En materia de transformación dixital, Marta Abal recalca que “a pesar da pandemia, implantamos a administración electrónica e reforzamos a súa estrutura implantando medidas de seguridade” ademais de “por en marcha o rexistro electrónico, a sede electrónica e no primeiro cuadrimestre do 2023 a oficina de transformación dixital, indispensable para perfeccionar e mellorar todo o implantado”.

“Durante o mandato 2019-2023 levantamos o concello, agora só o teñen que decorar”

“O que atopamos en 2019 foi unha administración completamente obsoleta” explicou Marta Abal que insistiu en que “o impulso á administración electrónica está dado, comezouse o cambio, aínda cos atrancos propios dunha transformación tan fonda, e agora só falta consolidala”. Neste sentido, Abal tamén recordou que o FIRMA DOC comezou a implantarse en marzo de 2023 “antes de deixar do goberno”, outra data que emenda as afirmacións feitas onte polo edil do BNG.

A concelleira socialista defendeu ademais os avances en materia de persoal, abordando a problemática da temporalidade cos procesos de estabilización; o relevo xeracional, “convocando todos os procesos selectivos para a cobertura das prazas vacantes”; e negociando unha Relación de Postos de Traballo (RPT) lista para aprobar que permita “ver nun solo documento a situación real da distribución do persoal do Concello”.

“Xa nos tivera gustado chegar a nós con todos estes pasos dados” concluío Abal que censurou unha estratexia de “escusas temperás” do BNG, “agora que son conscientes de que a xestión económica do concello non é tan sinxela como semellaba nos seus comentarios desde a oposición”.