Friday 22 de November de 2024

Trenor visita o autobús promocional da 17 edición da campaña “Outono Gastronómico” con 79 casas rurais adheridas


― O delegado da Xunta presentou hoxe na Coruña a 17 edición deste programa que se iniciará o 16 de setembro e rematará o 17 de decembro

― No autobús haberá un xogo de ruleta dixital que permite interaccionar co público, facilitando cada día dous premios de fin de semana Outono Gastronómico e 1.800 plantas de carballo autóctono

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou, esta mañá, o autobús promocional de presentación da campaña Outono Gastronómico na súa xa 17 edición, na que se ofertan máis de 150 propostas diferentes en establecementos de turismo rural galegos e que se desenvolverá entre os días 15 de setembro e 17 de decembro de 2023.

Hoxe o autobús promocional da campaña tivo a súa parada na Coruña e seguirá ruta xa que está percorrendo as principais praias da costa galega, ata o 5 de setembro, coa finalidade de captar o turismo estival para futuras viaxes outonais a Galicia.

No autobús promocional hai un xogo de ruleta dixital que permite interaccionar co público, facilitando cada día dous premios de fin de semana Outono Gastronómico, e 1.800 plantas de carballo autóctono para vencellar o turismo rural co coidado e valorización do patrimonio natural de Galicia.
Cada persoa que se achega ao bus e participa nos sorteos e se convirte nun colaborador da difusión da campaña xa que debe subir unha fotografía do bus ás súas redes sociais, etiquetando a Turismo de Galicia.

Segundo explicou Trenor, esta campaña é unha aposta polos produtos turísticos galegos máis consolidados, deseñada para dinamizar a demanda turística despois da época estival. Neste senso, destacou que “o éxito obtido nas edicións anteriores consolida este programa como unha proposta ben contrastada e demandada polo público e polas casas rurais de Galicia” Así, engadiu, que “neste ano 2022, dado o gran éxito de afluencia turística na etapa estival na que se alcanzaron récords de ocupación, se prevé unha gran demanda nesta nova edición do Outono Gastronómico”.

Para o delegado da Xunta, a campaña que conta con 79 casas rurais adheridas en Galicia, das cales 27 están ubicadas na provincia da Coruña, é unha boa proba de que a colaboración público-privada no ámbito do sector turístico xera riqueza para o territorio e contribúe a dinamizar a nosa gastronomía e á promoción de produtos como os viños e os licores tradicionais da nosa comunidade.

Modalidades e programa de fidelización

O programa Outono Gastronómico en Turismo Rural de Galicia permite gozar dun menú así como contar co aloxamento aproveitando a gastronomía que presenta cada establecemento. Así, contémplase desde a posibilidade de cear nun dos establecementos adheridos ao programa (Menú Outono Gastronómico) a un fin de semana outono gastronómico (Paquete ou Fin de Semana Outono Gastronómico).
Tamén se ofrece o Outono plus, co que algunha das casas participantes, ademais da restauración e o aloxamento, porán á disposición dos seus clientes distintas outras actividades complementarias como paseos a cabalo, rafting, sendeirismo, visitas culturais, entre outros.

Toda a información sobre a campaña, establecementos adheridos e modalidades pode consultarse na web de Turismo de Galicia.