Friday 22 de November de 2024

O Barrio das Flores inicia este venres tres intensas xornadas de festas


A verbena, o Flores Rock e o Mercado das Flores son os principais eventos dunha programación cunha vintena de actividades

O Barrio das Flores celebrará esta fin de semana as súas festas populares cunha vintena de actividades culturais e deportivas para todos os públicos.

Desde mañá, venres 1 de setembro, e ata o domingo, día 3, o barrio acollerá unha programación extensa e variada froito da colaboración entre o Concello da Coruña e a Plataforma Veciñal do Barrio das Flores. O Goberno de Inés Rey continúa apostando decididamente polas Festas nos barrios, dentro da programación cultural da cidade durante todo o ano.

O programa comezará coa lectura do pregón que este ano correrá a cargo de Salvador Pujades, impulsor do festival Flores Rock. Pujades, coñecido no barrio como Salvatorre, provén dunha familia con tradición vencellada ás festividades no Barrio das Flores xa que seu pai foi un dos fundadores da primeira Comisión de Festas do Barrio. O pregón terá lugar ás 20.00 horas na praza central do barrio, á que lle seguirán as actuacións de Pila (20.30 horas) e a orquestra Nueva Fuerza (23.45 horas). A programación musical completarase cunha sardiñada popular gratuíta así como co desenvolvemento da velada de boxeo ‘Ludus Box’ ás 20.30 horas.

O sábado será o día do Flores Rock que este ano contará coas actuacións de Boikot e Def con Dos como cabezas de cartel. A eles sumaranse Demenzia Social, Sol Rain e Del Alma, desde as 20.00 horas e ata as 02.30 horas. Os grupos Crowed e Noxxo, que participaron na primeira batalla de bandas organizada polo Concello da Coruña en colaboración coa Plataforma Veciñal do Barrio das Flores, serán as encargadas de abrir a xornada ás 13.00 horas, amenizando o xantar popular da xornada rockeira. Esta complementarase con obradoiros para nenos e nenas no marco do Flores Kids.

O domingo a programación comezará ás 10.00 horas coa apertura do Mercado das Flores, que este ano contará con máis de 50 postos de artesanía e segunda man. Os gaiteiros acompañarán a apertura iniciando a última xornada das festas do barrio, á que lle seguirán a sesión de zumba e exhibición de capoeira. A partir das 13.00 horas comezará o III Concurso da mellor tortilla do Barrio, que contará coa actuación de Érick Lepeich, e continuará ás 14.00 horas coa Festa dos Callos amenizada polo Dúo Notas.

Xa pola tarde, a música encherá o Barrio das Flores coas actuacións de Los Juanpiños (16.00 horas), Ángel Montoya y la Gipsy Band (18.00 horas), Mohito (19.30 horas) e L-Stress (20.30 horas). Tamén haberá actividades infantís para os máis pequenos e pequenas así como unha carpa con polbo e churrasco a prezos populares (a partir das 20.00 horas). A festa rematará coa Discomóbil Chocolate a partir das 22.00 horas, finalizando tres días de programación no barrio.