Friday 22 de November de 2024

O Concello de Ribeira reclama ás autoridades a mellora das condicións laborais dos bombeiros


O parque comarcal do Xarás pechou hoxe debido ao traslado dos traballadores que se atopaban realizando servizos mínimos a outra ubicación. Tras esta situación, o Concello de Ribeira reclama ás autoridades competentes o diálogo cos traballadores e o recoñecemento das necesidades deste sector. Dende a folga convocada en xuño, é a quinta vez que se pecha o parque ubicado en Ribeira por falta de persoal.

“Estamos a incidir nas peticións de aumento de persoal e equipamento ás autoridades competentes. É preciso que dende se recoñezan os dereitos laborais dos bombeiros para poder garantir a súa seguridade e a de toda a cidadanía.” afirma Vicente Mariño, tenente de alcalde de Ribeira. Tamén destaca que este traslado de traballadores crea unha situación de desigualdade entre municipios. “Este tipo de prácticas transmite a sensación de que hai cidadáns de primeira e segunda categoría. Dende o goberno municipal debemos velar polo ben de tódolos veciños e veciñas” explica.

Fai dúas semanas, membros do equipo de goberno do Concello de Ribeira tamén mantiveron unha reunión co responsable do parque comarcal do Xarás para abordar o estado do servizo e coordinar os equipos de emerxencia do propio concello cos bombeiros.