Friday 22 de November de 2024

Manuel César analiza a situación económica do Concello e marca como obxectivos a redución do período medio de pagamento e a mellora da execución orzamentaria


O concelleiro de Economía e Facenda, Manuel César, deu conta esta mañá da actual situación económica e de xestión no Concello de Santiago, nunha rolda de prensa na que tamén explicou os obxectivos que se marca, como reducir o período medio de pagamento a fornecedores, mellorar o grao de execución orzamentario ou axilizar o desempeño da administración electrónica.

Manuel César fixo esta mañá un repaso pola situación actual na que se encontra o Concello de Santiago no ámbito económico e de xestión e as áreas susceptibles de mellora. Así, o edil anunciou a aplicación de medidas para axilizar a xestión de facturas na administración electrónica e o establecemento dunha nova estrutura de centros xestores encargados da tramitación administrativa das facturas.

Con estas medidas, o novo executivo municipal prentende reducir o tempo de tramitación de facturas e paliar así a demora de pagamento a fornecedores, que no pasado mes de maio acadou os 71,45 días de media, con pagamentos pendentes por valor 9.656.470 euros, segundo detallou o edil, e que provocan a necesidade de pasar un gran número de facturas sen pagar ao exercicio seguinte como OPA (obrigacións pendentes de aplicación)

O concelleiro tamén indicou que se está traballando nun “orzamento municipal realista” que teña en conta a capacidade de execución dos departamentos, co que se pretende paliar a reducida execución do orzamento, xa que “a 5 de xuño o grao de execución global do orzamento de gastos era de 20,74 por cento cando teoricamente debería atinxir 42,74 por cento, 22 puntos porcentuais máis, unha situación que xera remanentes persistentes de tesouraría ano tras ano”.

Manuel César tamén deu conta dos proxectos de gasto sen finalizar e explicou que desde a Concellaría de Economía e Facenda se está a facer un “seguimento estrito dos contratos públicos” e procedendo á licitación dos servizos sen contrato, co fin de solventar “os contratos en precario, xa caducados, mais que continúan prestándose e que afectan a servizos esenciais”, como son a de subministración de gas ou gasóleo a dependencias municipais, o de subministración de carburantes para os vehículos municipais, ou o servizo de reprografía, entre outros, e anunciou que algúns deles serán solventados nos seguintes meses.

Con estas novas medidas, o executivo busca “mellorar a viabilidade financeira do Concello, atraer empresas reducindo a demora nos pagamentos e mellorar de forma global a utilización dos recursos e da prestación dos servizos municipais en beneficio do benestar da cidadanía compostela.