Friday 22 de November de 2024

Moeche, San Sadurniño e Narón solicítanlle á Xunta unha solución “urxente e definitiva” para o transporte do alumnado de Bacharelato


A piques de comezar un novo ano académico, o transporte para a rapazada de Bacharelato de Moeche, San Sadurniño e Doso (Narón), -que ten como centro de referencia o IES Fernando Esquío de Neda- segue sen arranxarse. O ano pasado, trala presión das ANPAs e dos Concellos, conseguiuse que o alumnado puidese compartir o autobús do que si dispoñen as cativas e cativos da ESO con saída desde Bouzarredonda. Foi unha medida provisional que esixe desprazamentos de ata 13 quilómetros para chegar á parada, algo que ás familias lle supón un importante esforzo, e ademais tampouco é a solución “urxente e definitiva” que esixen as nais e pais e máis os consistorios. Neste sentido, Moeche, San Sadurniño e Narón acaban de subscribir unha petición conxunta para que se amplíe a liña escolar desde Bouzarredonda até Igrexafeita -con varias paradas nese percorrido- e a adaptación dos horarios da liña regular que discorre a primeira hora da mañá pola estrada de Ortigueira, de cara a garantir que a rapazada poida chegar a tempo ao instituto. Ademais, os Concellos tamén solicitan unha xuntanza coa Xefatura Territorial de Mobilidade para abordar o traslado do alumnado que estuda o Bacharelato ou ciclos formativos noutros centros de ensino.

A alcaldesa de Moeche e representante neste asunto dos tres Concellos, Beatriz Bascoy, mantivo en xullo un encontro coa delegada territorial da Xunta, Martina Aneiros, para exporlle a situación e demandar do Executivo galego unha opción de transporte adaptada ás necesidades do alumnado de Bacharelato e doutros estudos postobrigatorios.

Naquela reunión Aneiros mostrou a súa disposición para trasladarlle o problema aos departamentos responsables -principalmente a Dirección Xeral de Mobilidade-, mentres que por parte de Moeche, San Sadurniño e Narón houbo o compromiso de propor alternativas para o desprazamento das alumnas e alumnos de entre 15 e 18 anos, que sofren “un grave agravio comparativo” con respecto á cativería das contornas urbanas malia teren “dereito a estudar e formarse como os demais e a vivir no rural” e , tal e como se recorda no escrito remitido hoxe polos tres Concellos.

O problema de fondo é que a rapazada que acode ao IES Fernando Esquío de Neda -centro de referencia para o alumnado de San Sadurniño, Moeche e Doso- ten que coller o bus en Bouzarredonda (Vista Alegre), a 13 quilómetros de Moeche. Ademais, esta liña non forma parte do plan metropolitano, senón que se trata dun autobús dependente de Educación para levar a rapazada que estuda a ESO e que, polo tanto, ten dereito a transporte, mentres que o uso por parte do estudantado de bacharelatos, ciclos formativos e universidade non estaría asegurado. De feito, a posibilidade de empregar esta liña foi un parche que se adoptou no curso pasado a raíz da presión das familias e dos tres municipios.

Así as cousas, e á espera desa “solución definitiva” que demanda a comunidade educativa, como alternativa “urxente” para o inminente inicio do curso 2023-2024 desde os Concellos proponse a ampliación do transporte da ESO para que cubra todo o traxecto da antiga estrada das Pontes arrancando na Pena da Meda, en Igrexafeita, e continuando logo polo Outeiro, a Torre, o Camiño Grande, Vilarxá (xa en Naraío), o Chao e o Pico. Neste último lugar o bus baixaría ao fondo de Naraío para recoller as mozas e mozos nas paradas escolares do Piñeiro, a Longra, a Ferraría e o Eirixado e, de novo, subiría á estrada AC-125 (na Fontela) para continuar pola Coveluda, a actual parada de Vista Alegre e proseguir camiño despois, coma sempre, cara a Neda.

Por outra banda, para o alumnado de Moeche, San Sadurniño e Doso, a proposta céntrase no adianto do horario do bus de liña regular que transita a primeira hora da mañá pola estrada de Ortigueira, co obxectivo de que ás rapazas e rapaces lles dea tempo a chegar ao instituto. As paradas definidas -coincidentes coas da propia liña- serían, en Abade, dúas en Finlle, a de Louridos, a de Trieiro, a de Leboreiro, a de Mil de Abaixo e a das Setepontes. En San Xoán deteríase na parada de Balocos e do Empalme-San Ramón.

Seguindo pola AC-862, o autocar recollería alumnado, xa en San Sadurniño, nas paradas de Vilanova e Riboira, en Lamas, e nas do bar El Palacio e Cornide. En Doso, no concello de Narón, deteríase no lugar da Braña (Doso) e a seguinte parada sería xa a de Bouzarredonda.

Esta opción de transporte para Moeche, San Sadurniño e Doso cualifícase no escrito como “de mínimos”, dado que “segue obrigando ao alumnado que vive nas diferentes parroquias dos concellos a trasladarse á vía principal AC 862, unha ruta proposta que debe incluír todas as paradas do servizo regular de transporte e as paradas do transporte escolar”.

Na petición cursada hoxe polos Concellos de Moeche, San Sadurniño e Narón con destino á Xefatura Territorial de Mobilidade da Xunta de Galicia, solicítase “de novo” unha reunión urxente para “analizar a problemática”, á que se lle engaden as necesidades daquelas alumnas e alumnos que cursan ciclos formativos ou de bacharelato noutros centros de ensino distintos do IES Fernando Esquío de Neda, que tampouco dispoñen de combinacións axeitadas por estrada ou en tren. Unha cuestión esta última “de maior complexidade” que require “analizar as posibles solucións a un problema que atinxe á educación e formación da nosa mocidade”.