Os clientes que participen entrarán no sorteo dunha cea para dúas persoas e dun circuíto termal para dúas persoas
Oito locais hostaleiros, dous máis que na edición anterior, participarán do 4 ao 6 de decembro na segunda edición do concurso “De tapas por Frades”, organizado polo Concello de Frades. Café Bar “Xiada” (Ponte Carreira) e Casa Vella (Abellá) uniranse ao locais que participaran na primeira edición: café-bar “O noso mesón”, hostal-restaurante “O Cadaval”, raxería “Al Alba”, café-bar “O Taxista”, adega “A Coviña” e café-bar “Vilariño”
Durante eses tres días, estes oito locais ofrecerán de xeito gratuíto aos seus clientes unha tapa con cada consumición. Os hostaleiros poderán elixir entre apostar por unha única tapa para eses tres días ou por unha tapa diferente cada día. Con cada consumición, o cliente recibirá un pasaporte de votación, que deberá selar en cando menos 5 dos locais para que o seu voto sexa considerado válido. O cliente votará polo local coa tapa que máis lle gustou e os votos poderán depositarse nunhas urnas situadas en cada un dos locais participantes.
Os horarios de degustación serán o venres 4 de decembro, de 20:00 a 22:30 horas; o sábado 5 de decembro, de 12:00 a 15:00 horas e de 20:00 a 22:30 horas; e o domingo 6 de decembro, de 12:00 a 15:00 horas.
Premios
Os clientes que tomen parte nesta segunda edición do concurso “De tapas por Frades”, que deberán ser maiores de 16 anos, participarán no sorteo de dous premios: unha cena para dúas persoas nun restaurante do municipio e un circuíto termal para dúas persoas. Os gañadores serán informados por teléfono. Pola súa banda, os locais participantes competirán por un primeiro premio de 300 euros e placa conmemorativa; así como por un segundo premio de 150 euros.
A primeira edición deste concurso foi gañado por Raxería Al Alba, cunhas “Setas con gulas e gambas con brocheta de champiñón, raxo e bacon”. O segundo posto foi para o “Guiso de polbo” do Bar Vilariño. A iniciativa resultou ser todo un éxito, xa que en tan só tres días se desgustaron máis dun milleiro de tapas nos locais participantes.