Saturday 16 de November de 2024

O alcalde de Frades valora o compromiso da Xunta para mellorar a ponte de Brates e facer unha nova sobre o río Samo


A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural reuniuse hoxe co alcalde para avanzar en novas liñas de cooperación

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, reuniuse hoxe co alcalde de Frades, Roberto Rey, para abordar diferentes asuntos relacionados coa mellora do agro no municipio. Rey Martínez valora especialmente “o compromiso da Xunta para executar as melloras na ponte de Brates, entre Frades e Boimorto, e a posibilidade de conceder unha axuda para a construción dunha nova ponte sobre o río Samo”. Esta última ponte substituiría á actual Ponte da Maquía de Vilamaior, entre os municipios de Ordes e Frades.

Dúas necesidades que o alcalde de Frades xa lle adiantara a Inés Santé o pasado 9 de agosto, nunha reunión mantida co conselleiro do Medio Rural. Daquela, Medio Rural comprometérase a avaliar o estado destas dúas pontes. Hoxe, a directora xeral confirmou a colaboración na execución das melloras na ponte de Brates e informou ao a alcalde das diferentes liñas de axudas ás que acollerse para financiar a nova ponte sobre o río Samo.

“A maiores solicitamos a cesión ao Concello de varias parcelas do Banco de Terras, que están como dispoñibles para aluguer, e que queremos destinar a fins recreativos, medioambientais e sociais”, conclúe o alcalde de Frades.