A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, inaugurou hoxe en Santiago un curso sobre esta materia
A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, apostou hoxe por impulsar un urbanismo sostible e responsable, un obxectivo que precisa da implicación de toda a cidadanía. “Debemos reforzar a idea de que preservar o noso territorio, ao mesmo tempo que o facemos compatible co seu aproveitamento para a actividade humana, é un labor de todos”, subliñou.
Así o sinalou esta mañá en Santiago, durante o acto de inauguración do curso monográfico sobre administración, empresa e urbanismo sustentable, no que estivo acompañada pola directora da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Sonia Rodríguez-Campos.
Para avanzar nesta liña de traballo, Mato cualificou como fundamentais a educación e sensibilización a través, por exemplo, de iniciativas como o curso inaugurado hoxe. Con todo, considerou que é preciso “ir un paso máis aló” e sensibilizar desde idades máis temperás. Para conseguilo, o Instituto de Estudos do Territorio (IET) ten traballado en colaboración directa co mundo educativo para introducir as materias paisaxísticas e ambientais na escola.
Así, por exemplo, entre 2009 e 2012 impulsouse a experiencia piloto “Axenda 21 Escolar de Galicia” ou en 2012 o proxecto “12 meses 12 paisaxes”. Ademais, desde hai tres anos, e en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, vense desenvolvemento o programa “Paisaxe e Sustentabilidade”. Grazas a esta iniciativa, o curso pasado impulsáronse proxecto educativos en 24 centros, coa participación de case 200 docentes e máis de 3.000 alumnos. Esta experiencia serviu de base a para a implantación neste curso de “Paisaxe e sustentabilidade” como materia de libre elección para secundaria e bacharelato.
Proxecto de Lei do Solo
Sen embargo, segundo resaltou Mato, “actuar unicamente no eido da concienciación sería insuficiente”. De aí que o Goberno galego estea a impulsar o desenvolvemento normativo necesario para dotar a Galicia dun marco xurídico actualizado e de calidade, deseñado para dar resposta ao reto do desenvolvemento sostible.
Ata o de agora, téñense conseguido diversos avances como o Plan de ordenación do litoral, aprobado en 2011; as Directrices de ordenación do territorio, ratificadas tamén hai catro anos; ou o desenvolvemento das Directrices da paisaxe, nas que se está a traballar nestes momentos.
A todos estes traballos hai que engadir o texto “máis importante”: o proxecto de Lei do Solo, que agora mesmo se atopa en trámite parlamentario. “Esta Lei vai marcar un antes e un despois para a paisaxe e o territorio de Galicia e vai contribuír á consolidación dun urbanismo responsable e sostible”, explicou a conselleira.
Un dos puntos nos que fai fincapé a norma é na importancia do planeamento urbanístico. Por iso, deseña o marco necesario para que todos os concellos poidan dispoñer dun planeamento no prazo máis breve posible. Así, simplifica o proceso creando o informe único autonómico; axiliza o trámite, entendendo como positivo o silencio administrativo tras tres meses; crea novas figuras como o Plan básico autonómico e municipal; e ofrece maior autonomía ás sete grandes cidades.
Ademais, establece o marco necesario para que as construcións se adapten ao entorno, fomenta a recuperación do xa construído, e combate o deterioro da paisaxe galega reforzando a obriga de rematar exteriormente as construcións.
En definitiva, a nova Lei do Solo proporcionará o marco necesario para avanzar cara o obxectivo do urbanismo sustentable, porque toda a sociedade debe ser consciente de que “o territorio e a paisaxe son patrimonio de todos, e constitúen unha das maiores riquezas que temos”.