Saturday 16 de November de 2024

A Xunta colaborará con REPSOL nun proxecto pioneiro en Galicia para recuperar aceite de cociña usado e transformalo en biocombustible


— Ángeles Vázquez explica que se habilitarán puntos de recollida en estacións de servizo das catro provincias e que os primeiros estarán operativos este mesmo ano

— Lembra que a partir de 2025 todos os concellos terán a obriga de garantir a recollida separada deste tipo de residuo doméstico, presente en todos os fogares

A Xunta de Galicia e a empresa Repsol colaborarán para poñer en marcha este mesmo ano un proxecto pioneiro na Comunidade para a recollida de aceite de cociña usado de orixe doméstica e a súa posterior transformación en biocombustible.

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o director xeral de Transformación Industrial de Repsol, Juan Abascal, asinaron esta mañá un protocolo de colaboración para a instalación de puntos de recollida específicos para aceite na rede de estacións de servizo que ten a compañía na Comunidade e que nestes momentos suma un total de 245 establecementos.

Tal e como explicou a vicepresidenta, a intención é comezar de inmediato as xestións coas diferentes estacións para buscar a súa adhesión á iniciativa co obxectivo de conseguir o maior número posible de puntos de recollida e garantir que a súa cobertura chegue ao conxunto de Galicia. Deste xeito, confiou en que antes de que remate o ano os cidadáns poidan empezar a depositar o seu aceite de cociña nalgún destes puntos.

Tras lembrar que a partir do 1 de xaneiro de 2025 os concellos estarán obrigados por lei a recoller de forma separada o aceite usado de orixe doméstica, Ángeles Vázquez explicou que grazas a este proxecto se lles facilitará aos cidadáns o depósito e xestión dun residuo moi habitual e presente en todos os fogares, ademais de garantir que reciba un tratamento axeitado e se poida transformar nun novo produto, dándolle unha nova vida e evitando que acabe contaminando solos e augas.
De feito, Repsol encargarase de recoller todo o aceite que se deposite nos puntos habilitados a tal fin nas estacións participantes para transformalo en biocombustible, reducindo así as emisións de CO2 nun 90% con respecto á alternativa fósil.
Neste sentido, a responsable autonómica puxo en valor o compromiso da compañía enerxética coa loita contra o cambio climático, apostando por iniciativas que, como esta, contribúen ao desenvolvemento de modelos enerxéticos máis sostibles e a avanzar cara a unha progresiva descarbonización.
Na mesma liña, tamén fixo fincapé na importancia da colaboración público-privada e na “busca de sinerxías” entre as administracións e os axentes económicos e sociais para actuar de cara a implantar a economía circular na Comunidade e darlle deste xeito aos residuos unha segunda vida.
Por último, a vicepresidenta enmarcou o protocolo asinado esta mañá na Estratexia galega de economía circular 2020-2030, un instrumento que desde a súa aprobación marcou a folla de ruta a seguir pola Xunta para facer de Galicia un exemplo de sostibilidade e uso eficiente dos recursos que facilite a transición dun modelo económico lineal baseado en usar e tirar a outro máis verde, sustentable e eficiente.