O Concello iniciou esta semana os traballos correspondentes á limpeza e recuperación hidráulica do leito do río Freixeiro, unha actuación que acomete un equipo de operarios no tramo comprendido entre a rúa Miguel de Cervantes e a estrada de Castela, na zona urbana. O concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Ramos, explicou que a actuación se acomete agora “aproveitando que o cauce do río se atopa no nivel máis baixo do ano, o que permite unha mellor execución dos mesmos”. O Consistorio destina preto de 40.000 euros a esta intervención, cun prazo de execución de tres meses.
Os operarios encárganse de retirar a maleza do tramo, así como vexetación seca e posibles elementos obstructivos puntuais no mesmo, co fin de limpar todo o leito, mellorando o seu ancho e liberándoo deses restos vexetais, terras de arrastre e pedras, entre outros, que o obstruían e mermaban a súa capacidade hidráulica, tal e como indicou o edil.
Os traballos consisten na roza manual da caixa que rodea o leito, a cargo de operarios xardineiros, e tamén na extracción mecánica dos sedimentos que se atopan no tramo, rematando co traslado do material retuirado a un xestor autorizado.