Saturday 23 de November de 2024

A Xunta licita por máis de 170.000€ a redacción dos proxectos de urbanización e de expropiación do Parque Empresarial de Coristanco


As empresas interesadas teñen ata o 20 de setembro para presentar as súas ofertas

A Xunta de Galicia, a través da empresa pública Xestur, licitou hoxe por un importe global de máis de 172.000 euros dous contratos de servizos cos que se pretende avanzar na tramitación do futuro parque empresarial de Coristanco.

En concreto, o Goberno galego contratará a redacción do proxecto de desenvolvemento e urbanización da fase I do futuro polígono, por máis de 96.000 euros (IVE incluído), e por outra banda, a elaboración do proxecto de expropiación dos terreos, bens e dereitos afectados polo esta área industrial, cun orzamento base de licitación que supera neste caso os 76.000 euros (IVE incluído).
As empresas interesadas en participar teñen ata o 20 de setembro para presentar as súas ofertas de forma telemática e o prazo fixado para completar a redacción dos proxectos será, en ambos casos, de 12 meses.

Cómpre lembrar que tras ter superado a fase de avaliación ambiental, o Plan estruturante de ordenación de solo empresarial do parque segue avanzando na súa tramitación. A previsión é que o novo polígono ocupe máis de 173.000 metros cadrados.