Monday 25 de November de 2024

Máis de 12.500 peregrinos realizaron o Camiño de Santiago en Galicia a través do bono Iacobus


Este produto turístico permite combinar en Galicia o Camiño de Santiago e o aloxamento en casas de turismo rural en todas as rutas xacobeas

Un total de 12.692 persoas puideron realizar o Camiño de Santiago en Galicia a través do Bono Iacobus, un produto creado por Turismo de Galicia que combina a realización da Ruta Xacobea co aloxamento en establecementos de turismo rural da Comunidade galega.

Deste xeito, este servizo turístico deseñado especificamente para o Camiño de Santiago, permite percorrer por etapas as distintas vías históricas que dende hai séculos conducen a Santiago de Compostela, aloxándose cada día nunha casa de turismo rural diferente.

O prezo inclúe o aloxamento, as ceas, os almorzos e os traslados en coche desde os establecementos rurais ata o inicio e final de cada etapa. Tamén é posible contratar como servizos opcionais o pícnic para o xantar do día, o traslado da equipaxe e o aloxamento en Santiago de Compostela.

Segundo os rexistros de Turismo de Galicia desde o ano 2007, cando se puxo en marcha este produto, foron xa 14.070 as pernoitas que se realizaron nas casas rurais de Galicia grazas aos usuarios deste produto.

Reservas
Canto ás reservas do Bono Iacobus, o Ano Xacobeo 2010 rexistrou o meirande número, con 273 que xeraron a ocupación de 87 cuartos individuais e 352 cuartos dobres. Polo que respecta ao que vai de ano 2015, xa son 110 as reservas solicitadas, fronte ás 84 que tiveron lugar ao longo de todo o ano 2014.

Entre xaneiro e o 24 de novembro de 2015, a ruta máis demandada foi o Camiño Portugués, con 100 reservas, seguido do Francés, con 49; o Inglés desde Ferrol, con 36; o de Fisterra-Muxía, con 31; O Camiño Inglés desde A Coruña, con 27; a Vía da Prata, con 14; o Camiño Primitivo, con 14; e o Camiño do Norte, con 7 reservas.