O distintivo “Compromiso de Calidade Turística” acredita e recoñece o esforzo realizado polos servizos turísticos participantes. En Ribeira son tres as localizacións que obtiveron este distintivo; a praia de Coroso, única con bandeira azul no municipio, a Oficina Municipal de Turismo do Malecón e o Museo do Grabado de Artes á Estampa Dixital.
Este distintivo forma parte do SICTED (Sistema Integral de Calidade Turística nos Destinos), un proxecto de mellora da calidade dos destinos turísticos impulsado pola Secretaría de Estado de Turismo (SETUR) que traballa co obxectivo final de mellorar a experiencia e satisfacción dos visitantes. Segundo explica Francisco Suárez, concelleiro de Turismo “esta distinción ten como propósito proporcionar un sistema de xestión da calidade integral nun destino turístico centrado na posta en valor dos recursos e do
espazo, mediante a concienciación integral do destino e a identificación de obxectivos comúns dos axentes implicados.”
O distintivo “Compromiso de Calidade Turística” é o soporte que certifica o cumprimento dos requisitos establecidos na metodoloxía e recoñece o esforzo e aposta pola calidade e a mellora continua. O distintivo ten unha validez de dous anos, aínda que está suxeito a unha avaliación anual de seguimento.