Saturday 16 de November de 2024

A AMTEGA pon a disposición das empresas o catálogo en liña “PemeMobil.gal”, que ofrece máis de 100 solucións TIC en mobilidade para todos os sectores produtivos


No catálogo, elaborado en colaboración co Cluster TIC Galicia, participan 60 provedores tecnolóxicos e amósanse 90 casos éxito de implantación en empresas

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), en colaboración co Clúster TIC de Galicia, veñen de presentar “PemeMobil.gal, catálogo de solucións TIC en mobilidade” (https://cdtic.xunta.es/pememobil), que ofrece unha mostra representativa da tecnoloxía en mobilidade ofertada en Galicia.

PemeMóbil.gal nace con máis de 115 solucións TIC de 60 provedores TIC galegos e máis de 90 casos de éxito de implantación en empresas. Accesible desde a páxina web do CDTIC (https://cdtic.xunta.es/pememobil), as empresas poden localizar facilmente e por múltiples criterios de busca aquelas solucións en mobilidade que mellor se adapten ao seu negocio, así como identificar os provedores tecnolóxicos que llas fornezan.

Esta ferramenta permite as empresas avaliar que solucións TIC en mobilidade se están a empregar no seu sector de actividade en particular, o que lles ofrecerá unha visión aproximada do seu grao de implantación TIC respecto a outras empresas do mesmo sector.

PemeMobil.gal foi presentado no marco das xornadas “SmartPeme, peme móbil e conectada” celebrada o pasado 25 de novembro no Centro Demostrador TIC de Galicia. Preto de 75 profesionais participaron neste encontro onde se puxo de manifesto os beneficios que a mobilidade aporta ás empresas, sobre todo os relacionados coa produtividade das mesmas, na relación cos clientes ou nos procesos de fabricación e produción. O encontro, promovido pola Amtega, contou coa colaboración de representantes dos Clúster TIC Galicia, Clúster Agroalimentario de Galicia e o Clúster Turismo de Galicia.

Centro Demostrador TIC
O CDTIC, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, ten como obxectivo achegarlles a oferta de produtos tecnolóxicos ás empresas doutros sectores produtivos. O Centro constitúe un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego.

Deste xeito, as empresas TIC poderán desenvolver solucións innovadoras adaptadas ás necesidades de mercado de empresas doutros sectores produtivos, que coñecerán os produtos TIC máis adecuados para optimizar os seus negocios e terán a oportunidade de trasladarlles demandas concretas ás empresas do ámbito tecnolóxico.

O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través de Red.es, e a súa misión é ofrecer un espazo de encontro entre a oferta e a demanda tecnolóxica.