O Concello promove tres xornadas, do 8 ao 10 de setembro, con actividades de gran variedade, dentro da programación de Festas nos Barrios
A Grande Obra de Atocha celebra o seu centenario este mércores con diferentes actos no Campo da Leña
O Concello da Coruña, a través da súa Área de Fomento e Promoción da Cidade, promove do 8 ao 10 de setembro a IV Romería de Elviña e Castro, unha celebración popular que forma parte do programa de Festas nos Barrios, que engloba todas as celebracións que se desenvolven ao longo do ano nas distintas zonas da cidade.
Neste caso, o Goberno de Inés Rey colaborou na organización coa Asociación veciñal Os Rexumeiros, Tempo Novo e Relámpago de Elviña.
A programación desta IV Romería de Elviña e Castro inclúe tres xornadas centradas na música e o baile tradicional galego, con actividades para todos os públicos. O venres 8 de setembro haberá verbena a partir das 21.30 horas con Lupe e Carmen María. O sábado 9 concentraranse a maior parte dos actos. Ás 14.00 horas haberá un xantar popular con polbeira, que estará amenizado por Os Melidaos. Ás 20.00 horas comezarán as actuacións musicais de Acordeireta, Pandeireteiras de AC Raigañas, Airiños da Freba e Habeilas Hainas.
O domingo 10 continuarán as celebracións cunha alborada de Cántigas da Terra. Ás 14.00 horas actuarán Os Juanpiños e ás 16.00 horas comezarán os xogos tradicionais. O programa péchao Cé Orquestra Pantasma ás 18.00 horas. O Goberno de Inés Rey continúa apostando polas celebracións populares nos barrios dentro da súa programación cultural e apostando pola colaboración coas entidades veciñais na planificacións de festexos diferenciais.
Centenario da Grande Obra de Atocha
Por outra banda, este mércores, 30 de agosto, celebrarase o centenario da fundación da Grande Obra de Atocha. O Goberno de Inés Rey organiza unha serie de actividades durante a xornada no Campo da Leña para lle render homenaxe a unha das institucións educativas máis senlleiras da cidade.
Ás 11.30 horas terá lugar a inauguración do centenario, que contará, desde as 13.30 horas, coa actuación dos Gaiteiriños. Xa pola tarde, de 17.30 a 19.30 horas, haberá no Campo da Leña talleres infantís e unha actuación sorpresa. ÁS 21.00 horas, pechará as actuacións o cantautor Carlos Bau. A programación do centenario da Grande Obra de Atocha inclúese dentro do programa de Festas nos Barrios.