O Concello de Narón convoca un novo curso do Plan Municipal de Formación. A concelleira responsable da área, Natalia Hermida, explicou que se trata dunha acción formativa de Xardinería e poda para a que se abrirá mañá, día 30, o prazo de inscrición. Os destinatarios deste curso son persoas maiores de 18 anos, desempregadas e empadroadas en Narón –ou noutros concellos, que poderán acceder no caso de quedar vacantes- e as solicitudes poden presentarse no Rexistro do Concello –de luns a venres entre as 8.30 e as 13.00 horas-, na Sede Electrónica ou a través dos restantes medios contemplados no artigo 16.4 da Lei 39/2015 de 1 de outubro do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas. O prazo para inscribirse, tal e como indicou a edil, rematará o 5 de setembro ás 13.00 horas, cubríndose as prazas por rigorosa orde de inscrición.
A maiores de Prevención de riscos laborais aplicados á profesión na convocatoria tamén se abordarán contidos como: Principais tipos de especies vexetais empregadas en xardinería, Preparación do terreo, labores, manexo e operacións, Instalación e mantemento de xardíns, Tipos, técnicas e procedementos de poda, Equipos e maquinaria empregados nos traballos de poda e Execución de traballos en altura nas árbores. Haberá tamén un obradoiro de desenvolvemento de habilidades na procura de emprego, de quince horas de duración.
O curso, indicou a edil, consta dun total de quince prazas e 265 horas –e dúas de visitas profesionais-, cunha parte teórica que se impartirá nas instalacións do Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara. As clases comezarán o 12 de setembro e rematarán o 1 de decembro. O horario previsto das mesmas é de luns a venres de 9.00 a 14.00.
As persoas interesadas en recibir máis información poden facelo a través da páxina web do Concello –www.naron.es- da Sede Electrónica ou dirixirse ao Servizo Sociocomunitario do Concello –no primeiro andar ou a través do número de teléfono 981 337 700 (extensións: 1108 e 1109).