Friday 22 de November de 2024

A alcaldesa e o director da Escola Oficial de Idiomas abordan temas de interese para a cidade no seu primeiro encontro


A alcaldesa, Goretti Sanmartín, e a concelleira de Deportes e Relacións Veciñais, Pilar Lueiro, mantiveron esta mañá un encontro co director da Escola Oficial de Idiomas, Gonzalo Constenla, no que trataron temas como a mellora das infraestruturas da EOI, a vindeira edición da gala aRitmar así como futuros proxectos de colaboración entre as dúas institucións para a promoción da cultura e dos idiomas.

Durante a xuntanza, os asistentes abordaron o problema de falta de espazos e infraestruturas do centro, que imposibilita á EOI albergar o actual número de alumnado, distribuído nos seus dous centros de Vite e de Sar, así como ampliar o número de linguas ofertadas. A este respecto, a alcaldesa comprometeuse a “poñer diante do presidente da Xunta de Galicia a posibilidade dun acordo entre a Xunta e a USC para que os edificios das facultades de Enfermería e CC da Educación de Xoán XXIII poidan acoller un centro único e de maior relevancia” permita á EOI “ofrecer un maior número de idiomas e que os espazos cumpran o decreto existente”, un centro “á altura do que a capital de Galiza merece”.

No encontro tamén se abordou a celebración da oitava edición da gala aRitmar Galiza e Portugal, un proxecto didáctico-cultural, desenvolvido pola Escola Oficial de Idiomas de Santiago co apoio do Concello de Santiago e da Deputación da Coruña, que ten por obxectivo divulgar a música e a poesía galego-portuguesas actuais. Tamén se trataron outros proxectos internacionais e de promoción de actividades culturais así como novas posibilidades de colaboración entre as dúas institucións para o vindeiro ano

Goretti Sanmartín recordou que a EOI é un centro “moi importante para Santiago de Compostela e un espazo de relación para moitas persoas” polo que mandou ao seu director unha mensaxe “de total apoio, compromiso e colaboración” por parte do Concello.

Pola súa banda, Gonzalo Constenla, agradeceu a “grande receptividade” por parte da rexedora, e reiterou a importancia de que a EOI poida dispor dun “centro adaptado ás nosas necesidades e ao que di a propia lexislación educativa da Xunta de Galicia”.