Saturday 23 de November de 2024

Tanxugueiras pechará a xira ‘Diluvio’ no Coliseum da Coruña cun concerto especial con máis artistas


Rayden, Rozalén, Guadi Galego, Muerdo, Mondra e Valeria Castro acompañarán o trío de pandereteiras nunha cita histórica

O concerto será o sábado 16 de decembro e as entradas poderanse mercar a partir deste venres na web www.tanxugueiras.com

O trío Tanxugueiras pechará a súa xira ‘Diluvio’ cun
concerto especial no Coliseum da Coruña no que contarán coa participación de máis artistas do panorama nacional. A alcaldesa, Inés Rey, presentou a cita musical xunto con Aida Tarrío, Sabela Maneiro e Olaia Maneiro, a quen lles agradeceu que escollesen A Coruña para celebrar o ‘Derradeiro diluvio’. “Unha cita especial para toda Galicia e que supón un gran orgullo que sexa na Coruña, a cidade que foi testemuña do inicio de ciclo co primeiro concerto da Xira Midas na Sala Pelícano e do posterior éxito no Festival Noroeste, con 80.000 persoas que encheron Riazor” explicou a alcaldesa.

Rayden, Rozalén, Guadi Galego, Muerdo, Mondra e Valeria Castro subiranse ao escenario do Coliseum da Coruña o vindeiro 16 de decembro para acompañar o trío de pandereteiras na gran foliada para a que aínda quedan sorpresas por confirmar. “Este será o concerto máis significativo que daremos ata a data, xa que é moi emocionante que tantos grandes artistas aos que consideramos amigos se unan para festexar a música como idioma universal” explicaron as artistas. As pandereteiras interpretarán desde cancións xa recoñecidas do seu repertorio como “Terra”, “Averno” ou “Aire”, así como novos temas aínda en colaboración con outros artistas como Ruth Lorenzo ou Juancho Marqués.

Mondra, un dos nomes máis destacados da nova escena emerxente galega, abrirá unha cita no Coliseum que promete ser unha gran cita histórica para a música en Galicia. “Galicia é a nosa casa e é o lugar que nos viu nacer e crecer como Tanxugueiras e é por iso que cremos que a mellor maneira de celebrar todo o bo que nos pasou nestes últimos anos é facelo coa nosa xente. Ademais, que se nos brinde a oportunidade de cantar nun sitio histórico polo que pasaron grandes artistas como Shakira, Marc Anthony, Aitana, Maná ou Sting, e poder facelo cunha proposta en galego énchenos de orgullo” sinalou o trío. A alcaldesa tamén fixo referencia á importancia de programar música en galego nos principais escenarios coma no caso do Noroeste, con Tanxugueiras ou Baiuca, máis tamén no Atlantic Pride con Fillas de Cassandra e Berto ou o concerto de Xabier Díaz e a homenaxe a Mangüi nestas Festas de María Pita 2023.

Rey lembrou que nos últimos anos o Concello da Coruña aposta forte pola cultura popular e tradicional a través das festas nos barrios, concertos no Castro de Elviña ou a posta en marcha do ciclo VANGAL así como as romarías no parque de Santa Margarida da man das agrupacións tradicionais da cidade. “O noso obxectivo sempre foi que A Coruña se manteña como a referencia cultural do Noroeste porque vai na nosa historia e iso debémosllo todo á tradición popular que nos fixo ser o país rico en cultura que somos” sentenciou a alcaldesa.

As entradas estarán á venda ao público xeral o venres 1 de setembro ás 11.00 h través da web oficial de Tanxugueiras (www.tanxugueiras.com) e terán un prezo xeral de 22.50 euros máis gastos. Ademais, como mostra de agradecemento e respecto polas raíces e os inicios do grupo, Tanxugueiras porá á disposición das máis de 500 asociacións de música tradicional galega rexistradas unha prevenda especial cun desconto dun 10% que comezará mañá, mércores 30, ás 11.00 horas e cuxo código estará activo ata o día 3 de setembro ás 23.59 horas.

Ínstase a aquelas asociacións que queiran gozar do desconto que se poñan en contacto coa promotora PlayPlan e que desta maneira os e as súas afiliados poidan beneficiarse do código de desconto na compra.