Saturday 16 de November de 2024

Ortigueira solicita á Consellería de Infraestruturas catro actuacións para mellorar a seguridade viaria e a rede de saneamento


• A conselleira Ethel Vázquez comprometeuse a estudar a posta en marcha destes proxectos tras a reunión mantida co alcalde ortigueirés, Valentín Calvín .

• As obras inclúen melloras na viaria AC-101 que une o municipio coas Pontes, reformas na AC-862, unha obra para mellorar o acceso no aparcamento do Festival do Mundo do Celta e un plan integral de saneamento.

Melloras de seguridade viaria e peonil e na rede de saneamento. Son as claves das actuacións que o Concello de Ortigueira solicitou á Consellería de Infraestruturas da Xunta de Galicia na reunión celebrada onte entre o rexedor ortigueirés, Valentín Calvín, e a conselleira, Ethel Vázquez.
No devandito encontro, o alcalde explicou á responsable autonómica de infraestruturas varias das necesidades de Ortigueira que dependen da Xunta. Neste sentido, Calvín propúxolle a Vázquez catro actuacións que a conselleira se comprometeu a estudar para a súa execución.
Por unha banda, o líder do executivo de Ortigueira pediu melloras na viaria AC-101 que une o municipio ortigueirés co veciño das Pontes. Trátase dunha vía duns 30 quilómetros que conecta dous municipios importantes na zona norte da provincia e que require unha actuación para mellorar a seguridade viaria.
O Concello de Ortigueira tamén ve necesario intervir na reforma do firme da estrada AC-862, concretamente no seu núcleo urbano e no tramo que vincula as parroquias de Cuíña, Senra, San Claudio e Mera.
Así mesmo, Valentín Calvín tamén solicitou a execución dunha senda e beirarrúas para mellorar a accesibilidade ao aparcamento do Festival Internacional do Mundo Celta que se habilita na recta de Venda. Esta actuación, que tamén incluiría a mellora de luminarias, viría aumentar exponencialmente a seguridade peonil nun espazo moi transitado polos visitantes que acoden durante esa semana a Ortigueira con motivo do evento músico-cultural.
Por último, o goberno local de Ortigueira ten entre as súas prioridades mellorar a rede de saneamento en todos os puntos posibles da localidade. Para iso, considera que é clave a posta en marcha dun plan integral que consolide unha mellora loxística para desenvolver un mellor servizo.
A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, comprometeuse a estudar xunto ao persoal da Consellería uns proxectos que, en palabras de Valentín Calvín, son “claves para garantir a comodidade e seguridade viaria de todos os veciños”.