Profeta na súa terra, a xogadora da Selección Española Absoluta de Fútbol-Sala inaugurará a cita, declarada de Interese Turístico de Galicia
Ale de Paz será este domingo a pregoeira da XXXIII edición da Festa do Pan de Neda, de Interese Turístico de Galicia. A xogadora nedense da Selección Española Absoluta de Fútbol-Sala encargarase así, coas súas palabras, de inaugurar unha cita imprescindible no calendario festivo da vila coa que se pon en valor o considerado como un dos mellores pans de toda Galicia.
Integrante do Poio Pescamar da Primeira División de Fútbol Sala feminino de España, Ale de Paz destaca dentro e fóra da cancha pola súa calidade deportiva e humana. Neste caso, profeta na súa terra, foi galardoada nas tres últimas edicións da Gala do Deporte de Neda como a mellor deportista local. Gañadora de 3 Eurocopas, 2 Supercopas de España, 2 Copas da Raíña, 2 Ligas, 3 Copas Xunta de Galicia, conta cunha espectacular traxectoria deportista labrada a forza de traballo, sacrificio e talento. Todo un referente para o presente e futuro do fútbol feminino.
A lectura do pregón dará comezo ás 13 horas do domingo, aínda que a apertura das panaderías e do mercado de artesanía no paseo marítimo de Xuvia terá lugar, como é tradición, sobre as 10 horas; ás 11 horas, a cita acollerá a primeira das actuacións musicais previstas, a cargo de Berros do Castro, e ás 12 horas, celebrarase o Concurso de Empanadas, coa entrega de premios tralo pregón.