O Concello de Oleiros quere agradecer, unha vez máis, o traballo realizado por todas as persoas que forman e colaboran coa Comisión de Festas de Santa Cruz, que con tanto éxito, paixón e traballo levan adiante as festas desde hai anos baixo a dirección de Román Montero. Tamén é certo que algunhas das actividades organizadas deberán ser revisadas para evitar os lamentables acontecementos sucedidos provocados por vándalos de fóra do municipio e polo excesivo consumo de alcol e drogas.
O Concello é un dos máximos colaboradores das comisións de festas de todo o municipio. No caso de Santa Cruz esa colaboración é superior, por estar encravadas as festas nun núcleo urbano, no que se orixinan grandes problemas de tráfico e aparcadoiros, así como necesidades de limpeza viaria moi importantes, non só na praza Esther Pita, senón tamén no paseo, praia, rúas, parques infantís, zonas verdes e prazas de toda a localidade. A axuda do Concello á Comisión non é económica, pero supera en moito os cartos que se puideran dar cos servizos que se prestan.
En canto á presenza de efectivos de seguridade a noite do martes 22, o comunicado emitido hoxe non se axusta á realidade. Houbo 16 efectivos municipais: 7 axentes da Policía Local e 9 axentes do Servizo Municipal de Emerxencias. É dicir, todos os recursos municipais dispoñibles –as demais parroquias tamén teñen que ser atendidas polos corpos de seguridade-. A Garda Civil participou con 3 patrullas.
A Policía Local non é un corpo de antidisturbios, nin tampouco ten capacidade nin medios para controlar a grupos organizados que provocan alteracións da orde pública. A pesar das difamacións, é xusto recoñecer o destacado traballo realizado polos axentes municipais, enfrontándose a situacións ás que deben atender outros corpos de seguridade.
A ampliación do espazo da festa, trasladando as casetas ata o parque Luis Seoane para mellorar a seguridade non xustifica a incívica aldraxe cometida contra o monumento a Federico García Lorca. Non foi o Concello quen colocou alí o cadro eléctrico nin os cables.
No comunicado emitido hoxe, atribúeselle toda a responsabilidade dos problemas nas festas ao Concello, sen ningún tipo de alusión á Garda Civil ou á Delegación do Goberno –coas competencias en desordes públicos desta magnitude-. Este tipo de actitudes interesadas dalgunhas persoas, que pretenden atacar inxustamente ao Goberno municipal e manipular a realidade, non manchan nin o traballo nin o éxito da Comisión de Festas de Santa Cruz. Por iso, unha vez máis, felicitalos a todas e todos os directivos e colaboradores, lamentar os disturbios acontecidos e animalos a continuar o vindeiro ano, pero sen Xacobebo. Ante o clamor das entidades veciñais e da inmensa maioría de cidadáns, para defender a saúde pública da nosa mocidade, o Concello non permitirá que se volva celebrar este evento. Non toleraremos ningún retroceso na construción da sociedade culta, educada e tolerante que levamos cultivando durante décadas en Oleiros entre o Concello e o movemento veciñal.