A Xunta de Goberno local, reunida esta mañá en sesión ordinaria, adxudicou o contrato para levar a cabo a primeira fase da actuación “Rede de Itinerarios Sostibles para a Redución da Pegada de Carbono”, cofinanciada por FEDER 2014-2020 e o Concello de Santiago, cun orzamento total 301.368,99 euros. Tamén se aprobou a adxudicación das obras de execución do proxecto “Recuperación do Campus Sur para o cidadán” que contará cun orzamento de 334.935,65 euros e permitirá mellorar a conectividade entre a Alameda e a Residencia de Estudantes. O concelleiro de Sustentabilidade Ambiental e Vías e Obras, Xesús Domínguez, deu conta destes asuntos nunha rolda de prensa.
O executivo municipal acordou adxudicar o contrato para a execución das obras da fase 1 do proxecto “Rede de Itinerarios Sostibles para a Redución da Pegada de Carbono” á empresa EULOGIO VIÑAL OBRAS Y CONSTRUCCIONES S.A, por un importe total de 301.368,99 € (base impoñible de 249.065,28 € máis IVE do 21% de 52.303,71 €) e cun prazo de execución de catro meses. Incluída na Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado(EDUSI REVIVE), está actuación está cofinanciada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020 e nun 20% polo Concello de Santiago.
Xesús Domínguez explicou que as actuacións que se contemplan neste proxecto teñen por obxecto a implantación dun itinerario ciclista entre a avenida de Romero Donallo, a rúa de Amor Ruibal e a rúa do Hórreo. “Con esta intervención darase continuidade ás obras xa realizadas na rúa Clara Compoamor e na rúa do Hórreo entre a estación do tren e a zona do ambulatorio e estableceranse as bases da futura rede de itinerarios sostibles para a redución da pegada de carbono”, detallou.
Para acadar a segregación física dos carrís bici, empregaranse separadores e postes flexibles, e na incorporación desde o Campus Sur cara á rúa de Romero Donallo instalaranse dúas balizas semafóricas, unha a cada marxe. Tamén será necesario reducir a ocupación da calzada por parte dos coches “a través da redución do ancho das vías, ou mesmo nalgúns casos eliminando algún dos carrís”.
Na Rúa Romero Donallo recóllense carrís de 3 metros, e no treito que vai dende a rúa Rosalía de Castro ata a saída do túnel está previsto eliminar un carril por sentido. Cada marxe contará cun itinerario ciclista segregado, dun só sentido e ancho comprendido entre 1,50 e 2,00 metros e cunha zona verde de separación coa beirarrúa.
No caso da rúa de Amor Ruibal, o proxecto establece unha vía ciclista na marxe dereita, baixando en dirección Pontepedriña, de dobre sentido de circulación e un ancho de 3,20 metros, que implicaría a supresión dun carril de circulación. O edil anunciou que desde o Goberno municipal estase estudando “unha modificación sobre a obra que implicaría a implantación dun carril bici de baixada pola marxe dereita e un de subida pola marxe esquerda”, unha segregación que permitiría “darlle continuidade ao carril de Romero Donallo e permitir a mellor incorporación das bicicletas á rotonda da Pontepedriña”.
Na rúa do Hórreo a actuación proxecta dúas solucións mantendo o actual número de carrís de vehículos cun ancho de 3,25 metros. Dende a intersección coa rúa de Romero Donallo e ata o primeiro paso de peóns, contará cun itinerario ciclista en cada marxe, dun só sentido e 2 metros de ancho. A continuación, ata a súa conexión coa vía ciclista xa existente na rúa do Hórreo, o proxecto inicial contempla un carril con dobre sentido de circulación e 3,25 metros de ancho só pola marxe esquerda. Neste caso, Xesús Domínguez tamén manifestou a súa vontade de estudar unha posible modificación do proxecto, que permita segregar este carril bici, xa que inicialmente prevíase “unha serie de paradas de autobús que se derivaron finalmente á Estación Intermodal, o que nos pode permitir facer un carril de subida pola marxe dereita e un carril de baixada polo outro lado”.
Recuperación do Campus Sur para o cidadán
A Xunta de Goberno tamén acordou a adxudicación do contrato das obras de execución do proxecto “Recuperación do Campus Sur para o cidadán”, á EULOGIO VIÑAL OBRAS Y CONSTRUCCIONES, S.A., por un orzamento de 334.935,65 € (base impoñible de 276.806,32 € máis IVE do 21% de 58.129,33 €). Trátase dunha operación vinculada a Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado de Santiago de Compostela (EDUSI – REVIVE COMPOSTELA). Encádrase dentro do Vector Estrátexico CP “Compostela Patrimonial”, na Liña de Actuación nº 8: “Rehabilitación e promoción do Patrimonio Histórico, Arquitectónico e Cultural”.
Con esta actuación, o Concello peonalizará a zona central do Campus Sur, poñendo en valor o patrimonio histórico e acometendo unha reurbanización completa co obxectivo de “mellorar a mobilidade e a accesibilidade da zona, aumentar os espazos peonís e reorganizar o acceso de vehículos”.
O ámbito de actuación centrarase na zona denominada “Conxunto da Residencia Universitaria”, espazo especialmente protexido, incluído dentro do Catálogo de Bens Culturais, Naturais e Paisaxísticos, e, en concreto, na avenida da Coruña, nexo entre a Alameda e a residencia universitaria.
Xesús Domínguez detallou que as actuacións permitirán “a peonalización da zona central da Residencia cunha plataforma compartida e única, a reordenación de usos con preferencia para percorridos peonís e a xeración de espazo de calidade tanto para os peóns como para os elementos construído”. O obxectivo é lograr as mellores condicións de accesibilidade posibles compatibles coa protección patrimonial a través da reurbanización con novos materiais e seguindo criterios de sustentabilidade que tamén incluirá “a renovación de xardíns e especies vexetais”.
Con esta actuación, a avenida da Coruña pasará a formar parte dunha plataforma compartida, para propiciar a continuidade entre a Alameda e a Residencia de Estudantes. O pavimento de formigón no primeiro tramo entre a Alameda e o estanque deixará paso a unha superficie vexetal. No caso das beirarrúas de baldosa, manteranse con reposicións puntuais de elementos rotos e no caso do formigón da calzada, utilizarase como base de novos pavimentos de formigón lavado e das zonas vexetais, con perforacións puntuais para permitir o drenaxe. Ademais realizarase unha renovación completa das instalacións soterradas de alumeado nas zonas nas que se renovan pavimentos.
Xesús Domínguez salientou que as dúas obras adxudicadas permitirán “situar a capital de Galiza á altura doutras capitais europeas en canto a accesibilidade, trasporte saudable, seguranza viaria e mobilidade.
Outros asuntos
O executivo municipal tamén deu luz verde á finalización das actuacións para a “Mellora dos accesos peonís cara aos centros educativos de Lamas de Abade”, para a “Mellora do saneamento rúa Vázquez Cacharrón” e das obras de reforzo de estruturas na rúa dos Concheiros, números 10, 12, 16 e 18″.
Ademais tamén foi aprobado esta mañá o Plan de Seguridade e Saúde do contrato de servizos de conservación, mantemento, reposición e nova instalación da sinalización horizontal, sinalización vertical e elementos de balizamento de tráfico nas vías públicas do termo municipal de Santiago de Compostela.