A “Gran Festa Infantil Cidade de Narón” organizada polo Concello celebrarase este domingo, día 3, no parque de Freixeiro. A concelleira de Festas, Mar Gómez, explicou que se trata “de festexar un ano máis o fin do verán cunha proposta da que poidan desfrutar as nenas e nenos en horario de mañá e tarde”.
Os asistentes poderán elixir entre varias propostas, como unha festa “holi” con 600 bolsas de pós de cores –de 18.00 a 19.00 horas-, un deslizador acuático con tobogán, outra da escuma con animación –de 19.00 a 20.00 horas-, un inchable xigante e outros acuáticos, camas elásticas, un circuíto de karts, touro mecánico, batallas campais e unha xincana acuática con animación, pintacaras forman parte das propostas organizadas para a ocasión, nas que tamén se inclúe unha ludoteca para bebés. Trátase de propostas de balde que permanecerán operativas no parque de Freixeiro en horario de 12.00 a 14.00 e tamén pola tarde, de 16.00 a 20.00, recordou Gómez.
Así mesmo, a concelleira explicou que dende o Concello “colaboramos un ano máis na iniciativa `Bocatín, alimentación e inclusión´ impulsada a través da Asociación Sociocultural ASCM, e mediante a que se porán á venda bocadillos e, como novidade este ano, bebidas, entre as 12.00 e as 20.00 horas”.
Trátase dun evento solidario a favor das persoas con discapacidade
A edil naronesa animou ás veciñas e veciños de Narón “a achegarse ao evento para desfrutar dunha xornada de diversión co que se pechará a tempada estival uns días antes de que os menores regresen ás aulas”.