Friday 22 de November de 2024

Os socialistas reclaman ao bipartito o desbloqueo da operación peleteiro e do contrato da auga no novo curso político: “sabemos o que é perder catro anos, vivímolo co PP e con CA, e non permitiremos que volva a pasar”


O portavoz dos socialistas recordou que os dous proxectos foron “bloqueados” por Compostela Aberta e o BNG “que se deron a man cun Partido Popular que dubidaba dos beneficios do modelo concesional”
“Nós nunca diremos non a inversións no rural nin a revitalizar o Ensenche como si fixeron as que agora gobernan” afirmou.

Santiago de Compostela, 28 de agosto de 2023. No arranque do curso político os socialistas esíxenlle ao bipartito celeridade para “desbloquear o que elas mesmas bloquearon”, en referencia á operación peleteiro e ao novo contrato da auga. O portavoz dos socialistas amosouse preocupado por dúas cuestións “prioritarias para a nosa cidade” e convencido do papel chave que terá o seu grupo nas cuestións de calado.

“Xa sabemos o que pasa cando goberna o PP e cando o fai CA. Sabemos o que é perder catro anos, e non permitiremos que volva a pasar” afirmou Gonzalo Muíños que se comprometeu a traballar desde unha oposición “útil” para que “o contrato da auga sexa unha realidade máis pronto que tarde e para que o peleteiro se converta nunha gran praza pública que revitalice o Ensanche”: “traballaremos para que este goberno que se autodenomina transformador, non remate sendo o da paralización”.

Muíños recordou que para o Peleteiro o goberno dos socialistas contemplaba a construción dun gran parque de vivendas, cun 20% reservada a prezo taxado, un centro sociocultural, un centro de día e unha gran praza pública con apertura a República de Arxentina e San Pedro de Mezonzo: “alcanzárase un acordo, ampliouse a apertura cara as dúas rúas, dábase resposta ás demandas veciñais e, a pesar diso, a actual voceira de Sumar, Marta Lois, decidiu incumprir o seu compromiso e bloquear unhas obras que poderían estar xa en marcha” censurou o portavoz dos socialistas.

O contrato para o ciclo integral da auga: “imprescindible para levar abastecemento e saneamento a todo o rural”

“Nós nunca diremos non a inversións no rural nin a revitalizar o Ensanche, como si fixeron as que agora gobernan” afirmou Gonzalo Muíños instando ao bipartito a sacar adiante o contrato da auga: “descoñecemos, despois de máis de dous meses, se existe un acordo programático de goberno, vemos a un bipartito sen rumbo e non se sabe sequera se optarán por un modelo concesional, como adoita facer o BNG e xa fixo en Pontevedra ou en Carballo”.

Precisamente Gonzalo Muíños defendeu que este debe ser o modelo polo que se opte no noso Concello “tendo en conta os informes técnicos, redactados polos mesmos equipos que os fixeron en Pontevedra” e ante as “inversións urxentes que son necesarias”. Explica Muíños que a rede de abastecemento e saneamento está moi deteriorada polo paso do tempo e “require de inversións moi grandes para a súa posta a punto, para poñer fin ás roturas e levar o saneamento a todo o rural” polo que “é preciso que unha empresa adiante eses cartos para facer eses investimentos de forma urxente”.

Sobre a hipótese de Compostela Aberta de optar polo modelo da xestión directa, Muíños recordou que o “exemplo que poñen sempre de Valladolid, é tamén exemplo en subcontratación, con máis de 40 empresas privadas que actúan como empresas subcontratas”. E é que, segundo un informe realizado polo Instituto Coordenadas de Gobernanza e Economía Aplicada, se destinaron neste concello 23,5 millóns de euros a licitar actividades, moitas que son a base do servizo, como o control de desbordamentos ou a reformar infraestruturas.

Tamén neste sentido o portavoz dos socialistas afeoulle ao Partido Popular de Borja Verea que votase en contra no pasado mandato, da man de CA e BNG, do contrato para realizar estas inversións “porque dubidaban dos beneficios do modelo concesional, algo que nin eles mesmos eran capaces de crer”.