O Concello de Brión, en colaboración coa asociación de mulleres Xuntanza, celebrou o seu tradicional magosto e chocolatada, que comezou ás sete da tarde e se extendeu ata ben entrada a noite. Durante ese tempo, preto dun milleiro de veciños e veciñas foron pasando pola carpa instalada na carballeira de Santa Minia.
Durante a festa se degustaron algo máis de 180 quilos de castañas asadas, 150 litros de chocolate quente e varios milleiros de churros, que axudaron a quentar unha noite fría. A ameaza de chuvia, que finalmente non se materializou, fixo que as actuacións musicais da charanga tradicional “Asubíos de Rebordelo” e dos integrantes da Escola Municipal de Música e Baile Tradicional de Brión se celebraran a cuberto, dende o palco da música.