Catro instalacións deportivas municipais están sendo obxecto nestes días de obras de acondicionamento por un importe que supera os 7.000 euros. Segundo explica o concelleiro dos Deportes, Eloy Sobrido, estas tarefas concéntranse en pistas exteriores, tanto do núcleo urbano coma do rural, co obxectivo de que as persoas poidan desenvolver a súa práctica deportiva nunhas instalacións en óptimas condicións. Así, ditos traballos enmárcanse no plan de mellora de dependencias para o segundo semestre do presente ano.
Nas pistas do Castelo efectúase a reparación do peche perimetral, o cambio das mallas electrosoldadas detrás das portarías e a dotación desta no portal de entrada e nas dúas varandas divisoras da cancha por máis de 1.100 euros.
Tamén se actuará nas pistas do Campo da Angustia coa reparación da mesma e a substitución da rede metálica que a rodea. O investimento sitúase nos 2.541 euros.
Outra das melloras será nas pistas da rúa Doutor Lamas e Andrés por 2.299 euros. Consistirá no relevo dunha decena de mallas electrosoldadas e o cambio doutra de simple tensión, así como de cableado que presente danos.
E, cun investimento de 1.331 euros, dotarase ao estadio municipal da Alta dunha plataforma para a colchoneta de salto de altura, ademais de reforza-la estrutura existente.
O conxunto destas intervencións é executada por Cerrajería Paz García S.L.