• Engádense deste xeito aos servizos de atención sociosanitaria, teleasistencia domiciliaria e a cesión de equipamento técnico asistencial cos que xa contaba o Concello
• O persoal especializado comezará a facer visitas a domicilio a partir do vindeiro 4 de setembro
O Concello de Cerdido vai ampliar as súas prestacións de carácter social incorporando os proxectos de atención podolóxica e de fisioterapia ao seu programa asistencial de Axuda no Fogar.
Acádase deste xeito unha atención integral, que xa contaba con atención sociosanitaria, teleasistencia domiciliaria e a cesión de equipamento técnico asistencial como camas xeriátricas, cadeiras de rodas, guindastres, etc.
A data de inicio para este servizo está prevista para o vindeiro luns, 4 de setembro, día que as persoas profesionais contratadas para estas dúas novas modalidades comezarán a percorrer os domicilios das persoas usuarias do Servizo de Axuda no Fogar (SAF).
O alcalde de Cerdido, Alberto Rey, declárase “moi satisfeito coa incorporación destes dous novos servizos, cos que acadamos un programa completo co que satisfacer as necesidades das persoas usuarias”.
O rexedor subliña “a importancia de apostar por este departamento nun Concello como o noso, no que é tan importante” e engade que “para o noso equipo de goberno é unha prioridade implementar políticas que redunden na mellora da calidade de vida da nosa veciñanza”.