Premiarase ás persoas que presenten as tres mellores elaboracións con vales para canxear nos fornos que participan e colaboran co certame
A Festa do Pan de Neda, que se celebra o vindeiro 3 de setembro no paseo de Xubia, dá un impulso na súa 33 edición, o tradicional concurso de empanadas que lembra o que se desenvolvía cando o certame se celebraba en Albarón. Dende o luns está aberto o prazo de inscrición. As tres mellores levarán vales para gastar nas panaderías que participan ou colaboran nesta edición do certame, declarado Festa de Interese Turístico Galego.
Na competición, de carácter non profesional, poderán participar todas aquelas persoas maiores de idade que o desexen, sexan ou non de Neda. Poderán inscribirse ata o 1 de setembro, a través do teléfono 981 39 02 33 en horario de 10 a 14 horas ou do correo electrónico cultura@neda.gal (nome e apelidos, enderezo, DNI e teléfono de contacto).
Deberán preparar unha empanada de entre un e dous kg, que deberán entregar, entre as 11:30 e ás 12 horas, na carpa denominada “En lembranza a Albarón”, localizada na zona de panaderías. Alí quedará o produto a exposición ata que teña lugar a cata do xurado. Cada membro do xurado puntuará por separado as empanadas presentadas, valorando o sabor (seis puntos) e a presentación (dous).
O veredicto darase a coñecer tras o pregón
Haberá 3 premios, vales de 200, 150 e 100 euros respectivamente para mercar, nun prazo máximo de dous meses, produtos nas panaderías que participan ou colaboran na presente edición da Festa do Pan. Así pois, a medida busca agradecer a implicación na celebración de fornos como La Gallega, La Nueva, Modesto Hermida, Paca Castro Romero, Panificadora Germán e Santa Rita, ademais de J, Castro Hermanos e Viuda de A. Romero.
Como é tradición, con posterioridade, todas as empanadas a concurso serán degustadas por parte do público ata fin de existencias.