— A través de ONGD e outros axentes de cooperación, apóianse iniciativas no Salvador, Perú, Guatemala, Bolivia, Guinea Bissau, Honduras, Nicaragua, República Dominicana, Ecuador e na India
— O Goberno galego incrementa a contía neste exercicio un 11% con respecto a 2022
— Trátase de axudas enmarcadas no Plan de Cooperación Galega co obxectivo de propiciar o desenvolvemento integral dos países de intervención
A Xunta inviste 6 millóns de euros no financiamento de 32 proxectos de cooperación no exterior que se van desenvolver entre 2023 e 2024 a cargo de ONGD e doutros axentes de cooperación. O Goberno galego incrementa así nun 11% a contía desta medida con respecto a 2022. Enmarcada no Plan de Cooperación Galega, a través dela apóianse iniciativas no Salvador, Perú, Guatemala, Bolivia, Guinea Bissau, Honduras, Nicaragua, República Dominicana, Ecuador e India.
O obxectivo é impulsar accións para propiciar o desenvolvemento integral dos países de intervención, contribuír á mellora das condicións de vida dos seus habitantes, e aliviar e corrixir as situacións de pobreza para acadar un desenvolvemento humano solidario. Preténdese así dar cobertura ás necesidades sociais básicas, como a educación e a saúde, o abastecemento de auga e saneamento, a xestión de recursos hídricos, a habitabilidade e tamén a promoción do tecido económico en materia de agricultura, desenvolvemento rural, pesca e acuicultura.
Do investimento total, 5,3 millóns de euros teñen como destinatarios 28 proxectos promovidos por ONGD, cinco delas en agrupación. Trátase de Fundación Fabre, Fundación Cume, Médicos del Mundo, Asemblea de Cooperación pola Paz, Fundación Balms para la Infancia, Fundación Vicente Ferrer, Arquitectura sen Fronteiras e Enxeñaría Sen Fronteiras Galicia. Entre os beneficiarios están tamén Asociación AIDA, SODEPAZ, Amigos da Terra, AGARESO, Ayuda en Acción, Farmacéuticos Mundi, Solidariedade Internacional de Galicia, Fundación Humanitaria de los Rotarios Españoles e EDUCO. Completan a listaxe Fundación Taller de Solidaridad, Fundación Entreculturas Fe y Alegría, Fundación InterRed, Manos Unidas, Fundación Religiosos para la Salud en agrupación con Misioneros Seglares Vicencianos, e Proyde.
Os 700.000 euros restantes destínanse a financiar catro proxectos impulsados por outros axentes de cooperación, como son a Fundación Mujeres en Ecuador, a Fundación Galicia Innova no Perú, Icarto no Salvador e a Universidade de Santiago no Perú.
Maior redistribución dos fondos
Como novidade para as iniciativas promovidas nesta convocatoria, pódense financiar como máximo dous proxectos, tanto no caso de execución por parte de ONGD como doutros axentes, sexa individuais o en agrupación. Búscase así acadar unha maior redistribución dos fondos.
Ademais, as entidades beneficiarias poden solicitar o anticipo previsto para a segunda anualidade cunha porcentaxe de execución da primeira anualidade do 75%, cando anteriormente se esixía o 100%. Permítese tamén presentar a documentación xustificativa nun prazo de tres meses desde que finalicen as actividades subvencionadas e duplícase o período de execución dos proxectos, de tres a seis meses. Estas modificacións resultan da adaptación da nova Lei 10/2021, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento da comunidade.
A igual que na convocatoria do 2022, a subvención distribúese cun 40% en 2023 e un 60% en 2024.