Saturday 23 de November de 2024

Nin o tempo incerto puido coa XIV Feira Rural de San Sadurniño


A Feira Rural de San Sadurniño acaba de clausurar a súa 14ª edición con éxito de público e vendas. Iso si, non tanto coma en anteriores citas en que o tempo foi un aliado que convidou a centos de persoas a pasar o día na Cortiña. Desta vez un trebón a primeira hora da mañá desanimou a varios postos e a unha parte do público habitual, que tirou por outras opcións ante a falla de garantías sobre se o sol ía aguantar o suficiente. E fíxoo durante practicamente toda a xornada, chovendo só a primeira hora da tarde, coincidindo co parón do xantar. O Concello volve facer un balance “positivo” dun evento xa consolidado como referencia estival de todo o referido a agroecoloxía e desenvolvemento local.

A feira arrancou con certo retraso por causa da chuvia. O normal é que os postos estean todos instalados a iso das 10:00h, pero nesta ocasión houbo que agardar ata ben pasadas as 11 para poder percorrela con todos os expositores montados. Entre eles había de todo e de calidade, principalmente produto agroalimentario fresco e elaborado, ademais de planta, artesanía, artigos de segunda man e maquinaria de xardín, entre a que puidemos ver un espectacular robot rozador teledirixido de gran tamaño para malezas e terreos difíciles.

E, por suposto, animación musical. Este ano foi a charanga Brassica Rapa quen percorreu os sendeiros da Cortiña ambientando as compras e o xantar a base de polbo e churrasco baixo as sombras do arboreto de especies autóctonas.

Segundo as vendedoras e vendedores o produto foi saíndo ben, aínda que sen apuros e sen tanto volume coma noutras ocasións. E é que, de novo, o tempo de primeira hora da mañá xogou en contra da feira, aínda que á tarde foi un aliado “xa que non era día de praia”, como comentou o edil de Desenvolvemento local, Manolo Varela, e polo tanto foi durante esa segunda parte da xornada cando se produciu un repunte da asistencia que en certa maneira amorteceu as ausencias da mañá. Ademais a feira tamén ofrecía actividades paralelas apetecibles, como por exemplo o concurso morfolóxico da Raza Can de Palleiro, obradoiros para a rapazada, os paseos en kaiak polo Xubia ou o espectáculo de rúa Circando presentado por Fran Rei cunha chea de artistas dos malabares e a maxia.

Tamén se xuntou ben xente nos dous momentos centrais dos sorteos de lotes de produtos, que se rifaron ás 14:00 e ás 19:45h. O de mediodía foi precedido da entrega de premios do concurso da froita autóctona ao que se presentaron máis de medio cento de lotes de toda a comarca. Os ganadores foron un cesto de peras Williams Bon Chretien presentado por María del Mar Díaz, outro de mazás Reineta Raiada achegado por Juan Castrillón e unhas fermosas mazás Ollo Mouro presentadas pola familia Pouso, quen repetiron premio na feira -igual que Castrillón- pola calidade dos seus froitos.

O certame da froita, organizado en colaboración coa AGFA do Eume, organízase como evento central desde a primeira edición da Feira Rural coa finalidade de recoñecer o labor de quen conservan castes autóctonas ou tradicionais e tamén co obxectivo de mostrar as posibilidades económicas que ofrece a fructicultura, e en xeral calquera tipo de cultivo adaptado ao país que aposte pola calidade e polos circuítos de proximidade.

Desas posibilidades de desenvolvemento temos xa mostras no Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla. O espazo contaba con expositor de seu na Feira Rural e foi un dos máis visitados ao longo da xornada. Nel podían degustarse marmeladas e zumes, ademais de tomates confeitados e ketchup “porque neste momento estase na campaña do tomate”.

Porén, máis aló da proba gratuíta, o posto espertou o interese de moitas persoas interesadas en transformar os seus excedentes que descoñecían a existencia deste centro promovido polos concellos de Moeche, San Sadurniño, Cerdido e Valdoviño con apoio da Deputación da Coruña, dos fondos Leader e da Consellaría do Medio Rural.

Segundo avanzou Manolo Varela, A Fusquenlla ampliará en breve o seu equipamento cunha achega da Deputación da Coruña, ao tempo que se traballa na definición “dun modelo autoxestionado” que se levará á práctica a través dunha asociación con experiencia neste ámbito como é a Agroalimentaria do Eume.

A filosofía do centro é que calquera persoa, sexa ou non profesional, poida transformar alí os seus produtos de froita e horta con todas as garantías sanitarias. Por esta razón todas as usuarias e usuarios “deben pasar antes por un curso de 60 horas sobre seguridade alimentaria e manexo do equipamento”, explica Varela. Até o momento xa se formaron máis de medio cento de persoas -hai escasos días rematou un dos cursos- e os municipios promotores van continuar ofrecendo formación en colaboración coa Oficina Agraria Comarcal de Ferrol.

Por outra banda, A Fusquenlla xa trascendeu o límite territorial dos catro municipios que puxeron en marcha a iniciativa -integrada na Rede de Coworking da Deputación da Coruña- e agora avanza con paso firme para abrirse a toda a provincia. “Hai xente de Oleiros, de Vilarmaior, de Cedeira, Ortigueira… e os concellos limítrofes de aquí, está tendo moi boa acollida. Os pequenos produtores coñécense, falan e iso fai que apareza demanda por parte da xente (deste servizo)”.

A XIV Feira Rural de San Sadurniño finalizou pasadas as 20:00h. Agora veñen uns días de descanso e de cara á fin de semana que vén, outro peso pesado da programación municipal: o inicio da oitava edición do Chanfaina Lab, que reunirá no noso concello entre o 1 e o 3 de setembro a máis de 50 creadoras e creadores audiovisuais.