Friday 22 de November de 2024

O festival gastronómico ‘Coruñam’ chega mañá á súa recta final, con centos de persoas disfrutando de espectáculos culinarios e concertos ao aire libre


A concelleira de Turismo, Comercio e Hostalería, Diana Cabanas, visitou esta mañá o circuíto de food-trucks disposto no Parrote, que estará aberto ata este domingo, desde o mediodía á noite

Mañá, ás 12.00 horas, comezará a despedida dos grandes veleiros da Tall Ships Races, que sairán a alta mar rumbo a Lisboa tras a súa estadía destes días na Coruña

A cidade da Coruña vive este sábado a penúltima xornada de estadía da Tall Ships Races Magallanes-Elcano, cunha ampla programación de actividades culturais, gastronómicas e de ocio que se desenvolverán ata finais desta tarde entre o peirao de Transatlánticos e o paseo do Parrote.

Neste sentido, tanto hoxe como mañá estará aberto ao público o festival de food-trucks ‘Coruñam’, no que a cidadanía poderá asistir a sesións de cociña creativa, concertos e espectáculos de showcooking. A concelleira de Turismo, Comercio e Hostalería, Diana Cabanas, visitou ao mediodía as instalacións dispostas no Parrote, e convidou “ás coruñesas e coruñeses, así como aos viaxeiros que estes días nos acompañan, a disfrutar das actividades programadas neste festival, que implican a establecementos hostaleiros de prestixio e que poñen en valor a gastronomía local”.

Centos de persoas se achegaron esta mañá á contorna do Parrote para vivir, por exemplo, a experiencia de showcooking do chef Adrián Felípez, do restaurante Miga. Esta noite, e como fin de festa para a xornada, actuará a banda ‘The Cruze’. Ao igual que o resto de actividades previstas polo ‘Coruñam’, a asistencia á actuación será de balde.

Mañá, showcooking cos chefs do restaurante Terreo Cocina Casual

Xa mañá, domingo 27, A Coruña dirá adeus a esta edición do festival ‘Coruñam’ con actividades xa desde o mediodía. En dúas quendas, de 12.00 a 14.00 e de 18.00 a 20.00 horas, as persoas asistentes poderán disfrutar da ‘Cociña con Superthings’. En paralelo, de 12.00 a 21.00, habilitarase unha zona de xogos infantís. Tamén á vez, ás 12.00 horas, haberá un novo espectáculo de showcooking con Kike Vázquez e Ana Señarís, do restaurante Terreo Cocina Casual. E ás 14.00 horas, a banda de José Brea actuará en concerto. A cita gastronómica é unha das moitas actividades organizadas polo Goberno de Inés Rey para completar a programación da Tall Ships.

A programación completa do ‘Coruñam’, así como os horarios, poden consultarse a través desta ligazón.
Tamén este sábado a concelleira Diana Cabanas agradeceu ao persoal de organización, asistencia e voluntariado da Tall Ships Races 2023 o seu traballo, e destacou “o seu simbolismo, porque o traballo e compromiso dos voluntarios representa exactamente o espírito da Tall Ships, o da solidariedade e cooperación internacional”, dixo trala foto de familia co grupo.

Un total de 112 persoas, de entre 18 e 65 anos, conforman o equipo de asistencia coordinado a través do servizo municipal de Deportes co apoio da Asociación Juan de Lángara, con 87 voluntarias e voluntarios e 25 oficiais de enlace que, desde o pasado xoves, colaboran para apoiar ás tripulacións e facilitar información ás e aos visitantes no peirao de Transatlánticos.

A despedida da Tall Ships Races, este domingo ao mediodía

Este sábado será a última xornada na que se habilitará as visitas do público ao circuíto de acceso ao peirao de Transatlánticos (ata as 00.00) e aos propios veleiros (ata as 20.00 horas de hoxe).

Xa este domingo 27, o peirao estará pechado ao público, para facilitar a preparación do adeus dos veleiros. Ás 12.00 horas terá lugar o acto de despedida dos 12 grandes veleiros, no inicio do seu percorrido á cidade de Lisboa.

A partida dos buques poderá divisarse desde enclaves como a contorna do paseo do Parrote, o Castelo de San Antón, a enseada dos Pelamios, o paseo marítimo de Durmideiras e as inmediacións da Torre de Hércules. Tamén será posible ver a despedida desde o monte de San Pedro.

Xa ás 13.00 horas, e como é habitual na partida da Tall Ships desde a cidade, as embarcacións levarán a cabo a tradicional parada de vela fronte ao buque das Autoridades.