O Concello ampliou a oferta deste evento a todos os domingos do mes no Campo da Leña, praza da Tolerancia, Novo Mesoiro, Os Mallos e Parque Europa
O Concello da Coruña, tras o éxito nos primeiros meses da nova proposta de mercados ecolóxicos municipais, volverá a estender este evento por diferentes barrios da cidade nos vindeiros meses. A periodicidade detes mercados, que teñen a súa orixe no Campo da Leña, foi ampliada a todos os domingos do mes, estendéndose a diferentes emprazamentos.
A gran novidade desta nova etapa impulsada polo Goberno de Inés Rey foi a súa celebración todas as fins de semana do mes, sendo o primeiro e o terceiro domingo no Campo da Leña, e o segundo domingo de cada mes na praza da Tolerancia, en Labañou. O último domingo do mes o mercado rotará por distintos barrios, comezando en Novo Mesoiro e seguindo no Parque Europa e na praza de San Cristovo, nos Mallos. O obxectivo é poder ofrecer e expandir os produtos ecolóxicos e de orixe ético e local ao maior número de persoas.
Agora, na súa volta á actividade o vindeiro domingo 3 no Campo da Leña, e tras o grande éxito das edicións celebradas nestes tres barrios, os mercados ecolóxicos volverán a Os Mallos (22 de outubro), Parque Europa (26 de novembro) e Novo Mesoiro (23 de decembro) co obxectivo de seguir dinamizando a oferta de produtos ecolóxicos e sustentables. No futuro poderían sumarse novas ubicacións noutros barrios da cidade.
Hai dúas modalidade de mercado: o Mercado Ecolóxico, que é o que se celebra no Campo da Leña, e o Mercado de Compra Sustentable, correspondente ao da praza da Tolerancia e outros lugares. Os mercados do Campo da Leña está especializados en produtos ecolóxicos, que acreditan criterios éticos e/ou sustentables na súa produción, elaboración ou materias primas. Os mercados na Praza da Tolerancia, e outras ubicacións, fomentan a economía circular e a compra responsable, aplicando a regra das 4R. O obxectivo é poder ofrecer o maior número de produtos de economía sostible e actividades paralelas como obradoiros, concertos e actividades para os máis pequenos.
Todos os mercados celebraranse no mesmo horario, de 10.00 a 15.00 horas. Toda a información relativa a cada unha das sesións que se celebre poderase atopar nas redes sociais do mercado (@mercaecocoruna) e nas propias do Concello da Coruña.