• O navío estará presente con motivo da festividade de Santa Rosa, que se celebrará este mércores día 30 de agosto.
• O alcalde, José Luis Pérez Añón, traslada o seu “absoluto agradecemento” ao delegado rexional da Real Liga Naval Española, José Manuel Pato González polas xestións para que a embarcación puidera chegar a Laxe.
O Concello de Laxe recibirá o vindeiro mércores día 30 de agosto ao buque ‘Atalaya’, unha das principais unidades de Vixilancia da Forza de Acción Marítima da Armada Española.
O patrulleiro visitará o Concello de Laxe con motivo da conmemoración do día de Santa Rosa, para o cal está programado unha xornada de portas abertas para que as persoas que desexen asistir poidan coñecer máis de preto un dos catro buques que integran a Clase Serviola.
A súa construción foi iniciada en setembro de 1989 na factoría da Empresa Nacional Bazán en Ferrol, e foi entregado á Armada o 29 de xuño de 1992. Na actualidade, ten a súa base na Estación Naval da Graña de Ferrol e opera directamente a ordes do Xefe do Mando de Acción Marítima de Ferrol.
O navío está deseñado para navegar en alta mar durante períodos prolongados de tempo e con estados da mar ata mar grosa sen que se produza unha degradación significativa das súas capacidades. Ademais, dispón dunha cuberta de voo que lle permite operar con helicópteros de tamaño medio, un hospital con seis camas e dúas embarcacións semi ríxidas.
O alcalde de Laxe, José Luis Pérez Añón, agradece “a implicación de todas as persoas involucradas para que a veciñanza de Laxe poida gozar de preto dun dos grandes bens materiais da Armada Española” e traslada con especial énfase o seu agradecemento ao delegado rexional da Real Liga Naval Española, José Manuel Pato González, “as xestións realizadas para que o Atalaya poida visitar o noso municipio”.