Friday 22 de November de 2024

O Concello inicia os traballos de mellora previstos no parque infantil da rúa Vila de Cambre, no barrio de Monte Alto


O servizo municipal de Infraestruturas ten previsto acometer a renovación total do pavimento de caucho na área de xogos, dando continuidade a intervencións similares xa executadas este ano nos barrios da cidade

O Concello da Coruña, a través do servizo municipal de Infraestructuras, iniciou esta semana os traballos de mellora previstos no parque infantil situado entre as rúas Vila de Cambre e Ángel Rebollo, no barrio de Monte Alto.

A intervención está centrada na renovación do pavimento de caucho da área de xogos, co obxectivo de reforzar a seguridade e comodidade das pequenas e pequenos. Neste sentido, e como paso preliminar ás obras, o persoal de Infraestruturas acometeu este xoves a instalación do balado perimetral necesario para acoutar a zona de traballo.

A previsión do servizo municipal de Infraestruturas é que as obras rematen aproximadamente a mediados de setembro, sempre e cando as condicións meteorolóxicas sexan favorables para o desenvolvemento dos traballos.

Desta forma, o Goberno de Inés Rey avanza na revisión, mantemento e mellora dos parques infantís dos barrios da cidade. No caso concreto de Monte Alto, ademais de en Vila de Cambre, xa se executaron traballos na área de xogos infantís do parque Carlos Casares.
O Goberno municipal continúa co plan de melloras nos parques infantís
O plan de melloras nos parques infantís promovido polo Goberno de Inés Rey avanzou durante este verán coa remodelación das instalacións de xogo situadas en Vioño, na praza Casares Quiroga (Elviña), na praza de Pontevedra e na rúa Ribeira Sacra (Novo Mesoiro).

En todas elas, completáronse xa os traballos para introducir novos xogos inclusivos e crear prazas adaptadas para nenas e nenos con mobilidade reducida.

A este respecto, o Concello ten previsto avanzar nesta mesma liña de actuación no parque infantil da praza Elíptica (Os Rosales), onde os traballos comezarán proximamente.