Friday 22 de November de 2024

As redeiras de Corme amosan en París o seu oficio e a nova colección de complementos para mascotas xurdidas a raíz do proxecto Enredadas


— Rosa Rodríguez e Gloria Santos, redeiras de Corme (Ponteceso) participan esta fin de semana na inauguración dunha tenda efémera no mercado Le Bon Marché de París na que realizarán demostracións con aparellos de pesca e personalizarán complementos para mascotas da empresa The Painter’s Wife

— Esta colaboración é o resultado do último dos cursos de formación especializada do proxecto Enredadas, impulsado pola Consellería de Economía, Industria e Innovación -a través da Fundación Artesanía de Galicia- e da Consellería do Mar, e dirixido a fomentar a diversificación do oficio tradicional das redeiras galegas

A Xunta de Galicia continúa co seu impulso á posta en valor do oficio tradicional das redeiras galegas e á súa diversificación a través do proxecto Enredadas, cuxos resultados estarán presentes nunha tenda efémera no mercado Le Bon Marché de París ata o mes de outubro. Con motivo da inauguración desta tenda pop up, dúas redeiras de Corme (Ponteceso) participantes no proxecto atópanse esta fin de semana en París para presentar a colección cápsula elaborada en colaboración coa empresa pontevedresa The Painter’s Wife, especializada nos complementos para mascotas.
Entre hoxe e mañá, as artesás Rosa Rodríguez e Gloria Santos farán unha demostración do oficio da elaboración de redes e ofrecerán ademais un servizo de personalización de correas e de arneses. Esta colaboración é o resultado do último dos cursos de formación especializada dirixido ao colectivo de redeiras artesás galegas, “Integrando a artesanía no sector das mascotas”, que se desenvolveu no porto de Corme (Ponteceso) entre os meses de maio e xuño deste mesmo ano.
Esta actividade formativa impulsada pola Consellería de Economía, Industria e Innovación –a través da Fundación Artesanía de Galicia– e pola Consellería do Mar e na que participaron oito redeiras artesás, estivo impartida por Rosana Agrelo e Sara Prieto. O seu obxectivo era a creación dunha colección cápsula de colares e arneses para cans, realizados integramente á man, empregando materiais procedentes das artes de pesca. A colección está xa dispoñible na tenda online de The Painter’s Wife e poderase mercar na tenda efémera Olé Olé, da que forma parte esta marca de complementos para mascotas, e que está aberta ata finais de outubro en Le Bon Marché de París.

The Painter’s Wife é unha marca de roupa e accesorios para cans e os seus donos, que traballan desde o seu lanzamento con materiais sustentables, na súa maioría de orixe e produción local, nesta ocasión incorporan ademais o traballo do colectivo das redeiras, un oficio de fonda tradición na costa galega que está amparado ademais pola marca Artesanía de Galicia.

Enredadas é un proxecto de boas prácticas impulsado pola Consellería de Economía, Industria e Innovación e pola Consellería do Mar desde o ano 2012 e enfocado a diversificar o traballo das redeiras artesás galegas, para facilitarlles a apertura de novas oportunidades de negocio a través doutros ámbitos como a moda, os complementos e a decoración, ao que agora se lle engade o ámbito das mascotas. A través de cursos de formación especializada e continuada, redeiras artesás de diferentes localidades galegas teñen a posibilidade de acadar unha renovación desta actividade tradicional.

Os obxectivos do proxecto Enredadas son poñer en valor o traballo das redeiras artesás e do seu oficio, apoiando a diversificación da súa actividade profesional, mellorar a súa situación económica, fomentando a súa estabilidade laboral e incorporando novas redeiras ao sector. Búscase tamén fomentar a colaboración intersectorial que lle abra as portas ás redeiras dun mercado contemporáneo, introducir novos materiais e mellorar as técnicas e a calidade dos produtos elaborados. Enredadas contribúe a potenciar o valor social do oficio das redeiras, e aposta pola sustentabilidade e pola economía circular, ao tempo que apoia a comercialización dos novos produtos. Grazas a este proxecto, a Fundación Pública Artesanía de Galicia foi galardoada como exemplo de boas prácticas co Premio Promociona para Entidades Públicas na XI edición dos Premios Nacionais de Artesanía 2016.