Friday 22 de November de 2024

A Xunta iniciará a vindeira semana traballos de limpeza na estrada PO-549 en Vilanova de Arousa


― Na provincia da Coruña, avanzan as actuacións en marcha na autovía AG-64, nos concellos de Narón e San Sadurniño

― Reanudaranse os traballos na estrada OU-536, no concello do Pereiro de Aguiar

― Proseguirán as tarefas nas marxes da AG-56, que une Moaña e Cangas; ou na VG-4.6 Cangas-Bueu e na do Morrazo

― Estas intervencións enmárcanse no novo contrato con Seaga para o control da biomasa das marxes das vías da Xunta, cun investimento de case 3 M€ en dous anos

A Xunta iniciará a vindeira semana traballos de limpeza na estrada PO-549, ao paso por Corón, en Vilanova de Arousa.

No marco destas intervencións, continuarán as tarefas que se están a desenvolver nas últimas semanas nas marxes das vía autonómicas das catro provincias.

Na provincia da Coruña, seguirá a execución das actuacións xa en marcha na autovía AG-64, nos concellos de Narón e San Sadurniño.

Na provincia de Lugo, proseguen as tarefas na LU-540, ao paso polos municipios de Viveiro, Ourol, Muras e Xermade.

Na provincia de Ourense, reanudaranse os traballos na estrada OU-536, no concello do Pereiro de Aguiar.

Na provincia de Pontevedra, proseguirán as obras en execución nas marxes da AG-56, que une Moaña e Cangas; e nas vías de altas prestacións VG-4.6, que comunica os municipios de Cangas e de Bueu, e na do Morrazo (CG-4.1.), Moaña-Cangas.

Seguridade viaria
Estas intervencións están enmarcadas no novo contrato coa empresa pública Seaga para o control da biomasa das marxes das estradas autonómicas, que supón un investimento de preto de 3 M€ para os dous próximos anos.

As actuacións consisten no roce de vexetación na zona de dominio público das estradas autonómicas, así como no acondicionamento de zonas verdes en sendas peonís e glorietas e a reposición ou reparación de elementos de valado perimetral das estradas.

O Goberno galego, con este programa, segue a intensificar as súas accións para previr o risco de lumes e contribuír ao reforzo da seguridade viaria mediante o aumento da visibilidade e as accións para facilitar o tránsito de peóns e ciclistas.