Esta edición levarase a cabo na casa da cultura da Pontepedra, en Tordoia, e participarán máis dunha ducia de asociacións e grupos de toda a comarca
A IX Mostra de Obradoiros Culturais da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes foi inaugurada na casa da cultura da Pontepedra, no concello de Tordoia. Ata o vindeiro 4 de decembro poderase desfrutar de balde de 14 a 21 horas das creacións realizadas por trece asociacións e grupos de toda a comarca.
Tal e como explicou o presidente da Mancomunidade de Ordes ante o numeroso público que se congregou na tarde de onte “co nesta mostra ponse de manifesto que xuntar o esforzo e o traballo dos concellos da comarca trae cousas boas para toda se todo sos veciños”. Neste punto o alcalde do Concello anfitrión, Antonio Pereiro, agradeceu “a colaboración e a axuda brindada por todos os demais municipio sen canto se decidiu que seriamos nós os que acolleriamos esta mostra”. Ademais dos citados tampouco faltaron á cita numerosos edís e rexedores dos demais municipios da zona.
Mantelerías, pintura e debuxo, pachwork, gancho, restauración de mobles, decoración de Nadal, cosmética natural etc. Nesta mostra ten cabida todo o artesanal e que ao longo do último ano foi realizado co esforzo e a ilusión dos participantes. Con isto preténdese, por un lado, dar a coñecer o traballo e os labores desenvolvido e polo outro ser un escaparate de ocio para aqueles veciños e veciñas que dispoñan de tempo libre e estean pensando en aprender ou desenvolver algunha actividade.
Nesta ocasión participaron as seguintes organizacións: Obradoiro municipal de traballos manuais do Concello de Frades, Obradoiro municipal de tapicería e traballos manuais do Concello de Mesía, Obradoiro municipal de debuxo e pintura do Concello de Ordes, Asociación Andaina Pro Saúde Mental (Ordes), Asociación de Amas de Casa e Consumidores de Ordes, Asociación veciñal ‘O Cruceiro’ (Beán), Curso de habilidades sociais de persoas con diversidade funcional (Ordes), Unidade galega de mulleres e veciños rurais de Montaos (Ordes), Obradoiro municipal de debuxo e pintura do Concello de Oroso, Obradoiro municipal de cosmética natural do Concello de Tordoia, Asociación de mulleres e familias ‘A Ponderosa’ (Tordoia), Asociación de mulleres ‘Pedralonga’ (Tordoia) e a Asociación de mulleres de Trazo.
Todos eles recibiron como recordo un agasallo que consistiu nunha peza de cerámica de Buño, ademais de poder desfrutar dunha degustación de sidra e zume natural ecolóxico realizado pola asociación Andaina PSM en base ao seu ‘Proxecto mazá’. A música tampouco faltou, correndo a cargo do grupo lírico Ludmila Orbua.
A dita iniciativa está financiada pola Deputación da Coruña e está organizada pola Mancomunidade de Ordes e especialmente polo Concello de Tordoia.