A Sail Training International fixo entrega dos premios ás tripulacións dos grandes veleiros, tras a súa marcha polo centro da cidade, entre a praza de Mina e a praza de María Pita
As tripulacións da Tall Ships Races, que ata este domingo pola mañá estarán na Coruña, protagonizaron hoxe o tradicional desfile desta regata entre os Cantóns e a praza de María Pita. Centos de tripulantes dos doce grandes veleiros que participan nesta edición deste evento náutico internacional desfilaron ante o numeroso público que se congregou pola rúas do centro da Coruña para seguir esta marcha. Unha regata que volve á Coruña, sete anos despois, e que atrae a milleiros de cidadáns e visitantes , que poden visitar os veleiros ata mañá, sábado, ademais de gozar do amplo programa de actividades musicais e gastronómicas que enchen a cidade estes días.
Son as tripulacións dos doce veleiros que participan nesta edición as que percorreron as rúas da Coruña. Con bandeira de México, e con data de botadura de 1982, o ‘Cuauhtémoc’ leva 258 tripulantes; o ‘Capitán Miranda’, (ano de botadura, 1930) bandeira de Uruguai, ten 77 tripulantes; o ‘Dar Mlodziezy’, de Polonia (1982), leva 162 tripulantes; por parte do ‘Fryderyk Chopin’ (Polonia, 1992) suman 55 persoas; pola parte do ‘Georg Stage’ (Dinamarca, 1934), 78 tripulantes; leva 24 o ‘Atyla’ (España, 1984); e 15 o ‘Jolie Brise’ (Reino Unido, 1913); ou 21 no ‘Veracruz’ (Portugal, 2000). Dende o ‘Challenge Wales’ (Reino Unido, 2000) participan 18 tripulantes; 12 no ‘Juan de Lángara’ (España, 1983); o ‘Maybe’ (Reino Unido, 1929), leva 18 ou os 16 do ‘Stella Polare’ (Italia, 1963).
Sobre as 18:00 horas remataron o percorrido polo centro da cidade e xa, na praza de María Pita, procedeuse á entrega de premios por parte da Sail Training International (STI).
O premio á chegada máis espectacular foi para o ‘Cuauhtemoc’ (México), así como o galardón pola tripulación máis internacional.
O ‘Polar’ recibiu o galardón ao barco mellor vestido en porto; o ‘Vera Cruz’ ao mellor desfile da tripulación clase B/C/D e o ‘Cuauhtémoc’ ao mellor desfile de tripulación Clase A. O premio medioambiental foi para o ‘Georg Stage’.
O ‘Jolie Brise’ levou o premio á tripulación máis nova e na Clase C/D foi para o ‘Juan de Lángara’. O galardón de Mariñeiría da primeira regata foi para o ‘Capitán Miranda’ (Uruguai), o segundo Clase A, para o ‘Dar Mlodziezy’, o terceiro Clase A para o ‘Capitán Miranda’ e o segundo Clase C/D para o ‘Challenge Wales’.
En canto ao premio de comunicación da primeira regata foi para o ‘Fryderyk Chopin’. As honras en liña da primeira regata foron para o ‘Stella Polare’; o primeiro Clase A para o ‘Fryderyk Chopin’, o primeiro Clase B e primeiro Xeral para o ‘Jolie Brise’ e o primeiro clase C/D para o ‘Stella Polare’.
Dentro das actividades da Tall Ships tamén tivo lugar esta mañá, presidida pola alcaldesa,Inés Rey, a homenaxe a Artigas co traslado do seu busto á rúa Uruguay, acto ao que asistiu a tripulación do buque escola uruguayo.
Ao mediodía houbo unha recepción oficial no Buque Escola ‘Capitán Miranda’, á que asistiron o concelleiro de Relacións Institucionais, Turismo e Seguridade Ciudadana, Juan Ignacio Borrego, e a concelleira de Turismo, Diana Cabanas, coa presenza da Embaixadora de Uruguai, Teresa Ayala, coincidindo coa Festa Nacional que hoxe, día 25 de agosto, se celebra no seu país.
Os actos previstos para o sábado 26
Mañá, sábado día 26 de agosto, continúa a presenza das tripulacións da Tall Ships Races na Coruña e o programa de actividades organizado polo Concello da Coruña. Ás 11:00 horas haberá unha regata de kayaks na que participarán as tripulacións e será na zona de baño do Parrote. Entre as 11:00 e as 14:00 horas continúan no peirao de Transatlánticos as actividades infantís.
Entre as 12:00 e as 22:00 horas continúan as actividades do festival de food-trucks ‘Coruñam’, coa degustación de tapas, acompañadas de múltiples actividades infantís e actuacións musicais.
Ás 12:00 horas, no peirao de Transatlánticos, actuará a Asociación Coros e Danzas Eidos e entre as 12:00 e as 13:00 horas os máis pequenos poderán disfrutar de ‘Un Faro de Contos’ de Charo Pita.
Xa pola tarde, continuarán as actividades infantís con inchables, e ás 17:00 horas, na zona da dársena, haberá unha Gymkana Pirata e Tira da Corda para as tripulacións, coa actuación musical ás 18:00 horas da Agrupación Folclórica ‘Os Gaiteiriños’, a sesión infantil ‘Maxia en Altamar: Mago Roman’ (na cuberta do buque ‘Atyla’; entrada libre con dúas sesións de 30 minutos cada unha) e ás 18:30 a actuación musical do Orfeón Herculino no peirao de Transatlánticos.