Saturday 16 de November de 2024

O Concello homenaxea a comunidade uruguaia no 198º aniversario da Independencia


A alcaldesa, Inés Rey, e a embaixadora de Uruguai, Teresa Ayala, reivindicaron os lazos da cidade co país latino nunha ofrenda floral ao seu máximo prócer, o xeneral José Gervasio Artigas, un acto no que participou tamén a tripulación do buque Capitán Miranda, que participa na Tall Ships Race

O busto do xeneral José Gervasio Artigas loce desde esta mañá fronte ao Palacio da Ópera, na rúa Uruguai. A alcaldesa, Inés Rey, presidiu a ofrenda floral ao prócer na nova localización con motivo do 198.º aniversario da Independencia de Uruguai. “Hoxe celebrámolo dende A Coruña con esta pequena
homenaxe ao xeneral Artigas e con el a todo o conxunto da comunidade uruguaia, especialmente a quen fixo destoutro recuncho do Atlántico o seu fogar” explicou Rey.

A rexedora estivo acompañada por Teresa Ayala, embaixadora de Uruguai en España, a quen lle agradeceu a súa presenza no acto. Ambas reivindicaron os lazos entre a cidade herculina e o país latino, así como de Galicia e o conxunto dos países de América do Sur.. Rey lembrou que a relación entre A Coruña e Uruguai está marcada pola historia da emigración e sentenciou que “todo o que se faga é pouco para lembrar a quen nos acolleu durante anos nun país que foi clave para o desenvolvemento da nosa economía local durante os primeiros anos da posguerra”.

No acto tamén estiveron presentes o cónsul xeral de Uruguai en Galicia, Ramiro Rodríguez Bausero; o coronel Heriberto Gancio, agregado de Defensa da Embaixada de Uruguai; e o comandante do buque escola “Capitán Miranda” e capitán de navío, Mario Vaucher, quevisitou a cidade con motivo da Tall Ships Races Magallanes-Elcano. “Espero celebrar moitos anos máis esa mirada compartida cara á liberdade e os valores democráticos que representa Artigas” concluíu a alcaldesa. Ao remate soaron os himnos de Ururguai, España e Galicia.