Friday 22 de November de 2024

Medio Ambiente aposta pola erradicación temperá das especies exóticas invasoras e pola súa contención en zonas prioritarias


A directora xeral de Conservación da Natureza, Ana María Díaz, participou hoxe na Coruña nunha xornada organizada por Adega sobre esta materia

A Consellería de Medio Ambiente ten fixado entre os seus obxectivos a erradicación de especies exóticas invasoras, para o que está a traballar nunha programación centrada en dous eixos de actuación: a eliminación temperá de focos de invasión de especies animais e vexetais de alto risco recentemente naturalizados; e o control e contención local en lugares prioritarios para a conservación de especies autóctonas, como pode ser a Rede Natura 2000.

Así o salientou hoxe a directora xeral de Conservación da Natureza, Ana María Díaz, durante a súa participación na Coruña na xornada “Especies exóticas invasoras e participación social”, que organiza Adega.

Na súa intervención, a responsable autonómica insistiu na importancia de facer fronte ás especies exóticas invasoras, en tanto constitúen a segunda causa de extinción de especies e o segundo problema ambiental que afecta á biosfera a escala global, só por detrás da perda e destrución de hábitats.

Precisamente por esta razón, as autoridades están impulsando a súa acción na materia. Como exemplo, citou que recentemente téñense aprobado distintas normas, tanto no ámbito estatal como no europeo, co obxectivo de previr, reducir ao máximo e mitigar os efectos adversos destas especies.

Díaz López recordou tamén que o departamento autonómico asinou durante 2015 un convenio con Adega, que tivo como principal obxectivo desenvolver un programa de educación ambiental centrado na conservación de especies e hábitats da xeografía galega e na loita contra as especies exóticas invasoras.