Saturday 16 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño destina 25.000 euros a bolsas escolares


As axudas poderán solicitarse até o 30 de setembro

O Boletín Oficial da Provincia deste venres 25 de agosto publica o extracto da convocatoria de axudas para gastos relacionados co estudo do alumnado de San Sadurniño para o curso 2023-2024. As bolsas escolares contan cun orzamento global de 25.000 euros destinados a colaborar coas familias con rapazada e mocidade que curse estudos obrigatorios e postobrigatorios, ademais de reservarse unha partida para 2º de Educación Infantil. Os importes e os criterios para acceder ás bolsas non varían con respecto ao ano pasado, manténdose os umbrais de renda para que as axudas cheguen a máis persoas. Ademais, a convocatoria volve facerse a finais do verán, co obxectivo de que poida resolverse ao longo do primeiro trimestre do curso por ser o momento en que as nais e pais deben soportar maiores gastos. As solicitudes poden facerse presencialmente na Casa do Concello, por correo postal ou por vía electrónica ata o día 30 de setembro.

Este ano o Concello introduce como única novidade a dotación económica da que disporá cada unha das tres liñas. Neste sentido mantéñense as cantidades para estudos obrigatorios -10.750€- e para 2º de Educación Infantil -1.500€- e elévase até os 12.350 euros o importe que se distribuirá entre o alumnado de estudos postobrigatorios.

Os 400 euros restantes até completar o orzamento total destinaranse a atender posibles casos específicos que malia non cumprir documentalmente cos requisitos, si teñan dereito ás axudas por causa da súa realidade familiar, previo informe dos Servizos sociais e da área de Igualdade. Cómpre ter en conta, ademais, que as familias con menos recursos están cubertas en canto a gastos de escolarización por medio da partida reservada nos orzamentos municipais para casos de emerxencia social.

As contías máximas por solicitude de cada tipo de axuda son as mesmas que o ano pasado: ata 100 euros para 2º de Educación Infantil, 200 euros de tope por alumno/a en estudos obrigatorios e ata 800 se a axuda é para estudos postobrigatorios. Esta última asignarase mediante unha fórmula que ten en conta o expediente académico e a situación económica.

Para percibir as bolsas, as rendas da unidade familiar non deberán superar os 12.000 euros no caso de 2º de Educación Infantil e os 25.000 euros nas bolsas de estudos postobrigatorios. A achega para a formación obrigatoria -Educación Primaria e ESO- segue vinculada co cheque para material que outorga a Xunta, de maneira que non está suxeita a xustificación perante o Concello de niveis de renda. Dito doutro modo, para obter a bolsa municipal de ata 200 euros (a contía final dependerá do número de solicitudes) abondará con presentar a documentación esixida nas bases acompañada da certificación conforme a nena ou neno é beneficiario do cheque autonómico.

O CPI San Sadurniño pasaralle ao Concello o listado de alumnado con cheque, de maneira que non será necesario presentar o certificado. Se se trata de rapazada de San Sadurniño que, por proximidade xeográfica, estude noutro colexio público da nosa zona -como pode ser o CEIP San Ramón de Moeche ou o Mosteiro de Caaveiro da Capela-, as familias deberán solicitar a certificación na secretaría do centro.

Por outra banda, as bases das bolsas escolares tamén establecen que o Concello poderá mover as cantidades sobrantes dunha liña que non se asignase na súa totalidade cara a outra na que haxa máis peticións que orzamento dispoñible. “O orzamento dedicado a bolsas escolares calculouse a principios de ano tomando como referencia as solicitudes recibidas en 2022 e as previsións de matrícula para o curso 2023-24. Con eses datos na man optamos por incrementar a partida dos estudos postobrigatorios, que ía moi xusta, e reducir a reserva para casos de emerxencia social, posto que a atención ás familias con rendas mínimas xa ten un apartado específico no orzamento municipal”, explica Secundino García.

As axudas poderán solicitarse ata o 30 de setembro, co obxectivo de que poidan resolverse e estar ingresadas no primeiro trimestre do curso, coincidindo co intre en que as familias deben facer un maior esforzo económico.

O trámite pode facerse a través da Sede electrónica municipal ou presencialmente no Concello en horario de mañá. De acordo coa normativa, incluso se podería enviar a documentación requirida por correo postal.