Saturday 16 de November de 2024

O Concello efectuou máis de 50 obras en beirarrúas nos meses de xullo e agosto


A Brigada de Vías e Obras resolveu máis de 50 incidencias detectadas en beirarrúas de espazos públicos, tanto da zona urbana como do rural compostelán, durante os meses de xullo e agosto ao abeiro dun plan de choque do Goberno local destinado a favorecer a accesibilidade e o mantemento viario.

O concelleiro de Vías e Obras, Xesús Domínguez, destacou que para o Goberno municipal é prioritario atender as incidencias detectadas pola veciñanza recibidas a través da Liña Verde, para resolver os numerosos problemas de falta de accesibilidade derivados de lousas levantadas, pezas soltas ou mal asentadas, baldosas partidas, bordes levantados, adoquíns afundidos, reposición de plaquetas rotas e escaleiras con fendas, entre outros. Nestes dous meses realizáronse máis de 50 obras en beirarrúas e a intención é proseguir con este plan de choque para desenvolver unha conservación adecuada e continuada dos espazos públicos.

Con estas actuacións realizadas preténdese favorecer o mantemento de espazos públicos de cara a mellorar a circulación peonil. Deste xeito, desde o servizo de Vías e Obras dáse prioridade á atención cidadá para resolver as necesidades que presenta a veciñanza, ademais das detectadas polo propio departamento.

Este plan de mantemento continúa para seguir a atender as peticións que chegan tanto da zona urbana, da zona histórica como de barrios do rural, co obxectivo de conseguir mellorar a accesibilidade nas zonas de tránsito peonil, como son beirarrúas e espazos públicos, para facilitar a mobilidade e situar as persoas no centro das políticas municipais.