— Autorízase un novo ciclo plurilingüe na especialidade de Fotografía e ábrese un novo grupo no de Serigrafía na Escola Ramón Falcón de Lugo
— Ademais, continúan en segundo curso os ciclos formativos de grao superior de Escultura Aplicada ao Espectáculo e de Ilustración da Escola Pablo Picasso da Coruña
— Ao longo do curso funcionarán unha ducia de seccións bilingües en conservatorios, escolas de arte e deseño e de arte dramático
Arredor de 600 alumnos de ensinanzas artísticas de 11 centros beneficiaranse este curso do modelo plurilingüe da Xunta a través de catro ciclos e unha ducia de seccións bilingües.
A Consellería de Cultura, Educación, FP e universidades vén de publicar a resolución do PluriArt, programa polo que a Xunta de Galicia implantou por primeira vez no curso 2022/23 o plurilingüismo nas ensinanzas artísticas profesionais de artes plásticas e deseño que se imparten nas escolas de arte e superiores de deseño de Galicia. Ata o momento todos os proxectos optaron polo inglés como lingua estranxeira para o seu desenvolvemento.
Ao abeiro desta resolución, a Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón de Lugo incorpora no curso 2023/24 un novo ciclo plurilingüe, en concreto o de grao superior en Fotografía. Súmase ao de Serigrafía de grao medio autorizado o pasado curso, que abre un novo grupo nesta modalidade a partir de setembro.
Ademais, continúan o desenvolvemento do modelo plurilingüe en segundo curso os ciclos formativos de grao superior de Escultura Aplicada ao Espectáculo e de Ilustración da escola Pablo Picasso da Coruña, autorizados o ano pasado.
Deste xeito dáse cumprimento a unha das finalidades da Estratexia galega de linguas estranxeiras -EDUlingüe2030-, que inclúe entre os seus obxectivos estender o plurilingüismo ás ensinanzas de réxime especial, xa implantado con éxito nas etapas de Infantil, Primaria, ESO, Bacharelato e Formación Profesional.
Prórroga de seccións bilingües
Doutra banda, e co fin de seguir favorecendo a práctica de idiomas entre o alumnado de ensinanzas artísticas, prorrógase, por outros dous cursos académicos, a sección bilingüe de lingua francesa no Conservatorio Superior de Música de Vigo, a de lingua alemá no Conservatorio Superior de Música da Coruña e as de lingua inglesa na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (Vigo), no Conservatorio Profesional de Música de Ourense e no Conservatorio Superior de Música da Coruña.
Súmanse ás que están en funcionamento, todas elas en inglés, na Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso da Coruña, nos conservatorios profesionais de Música da Coruña, de Santiago de Compostela e de Vigo e tamén no Conservatorio Superior de Música de Vigo.
A maiores, está prevista a posta en marcha de tres novas seccións bilingües: unha de lingua inglesa e outra de alemá no Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga de Pontevedra e unha sección bilingüe de lingua portuguesa na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, que funcionarán a partir do curso académico 2023/24.