Friday 22 de November de 2024

O Pleno de Lousame aproba definitivamente o proxecto de construción da rede de saneamento e da nova depuradora de Lousame


A nova rede dará servizo os núcleos de Devesa, A Silva, Berrimes, As Quintáns e A Costa, así como a instalacións como a piscina, o polideportivo municipal e o colexio Cernadas de Castro

Lousame celebrou na noite de onte un pleno extraordinario para aprobar con carácter definitivo o proxecto construtivo de mellora da rede de saneamento e da nova depuradora de Lousame, cun orzamento base de 951.992,23 euros. Esta actuación dará servizo aos núcleos de Devesa, A Silva, Berrimes, As Quintáns e A Costa, así como a instalacións como a piscina e o polideportivo municipal, e especialmente ao colexio Cernadas de Castro “onde temos todos os días a catrocentos nenos e nenas comendo”, puntualizou a alcaldesa, Teresa Villaverde, quen confirmou que despois procederase á conexión entre os distintos núcleos.

Nesta sesión plenaria extraordinaria tamén se acordou a aceptación dos terreos cedidos polas Comunicades de Montes e de Veciños en Man Común de Bargo e Burzó así como a súa posta a disposición da Xunta de Galicia para a execución das infraestruturas de soporte ás redes de comunicación móbil precisas para mellorar a cobertura no municipio.

Así mesmo, o Pleno tamén aprobou a solicitude á Deputación da Coruña da segunda fase do POS+Adicional 2/2023, orzamentado en preto de 210.000 euros. “Queremos envialo o antes posible para ver se así podemos recibir a autorización no mes de setembro ou outubro para poder executar as obras”, explicou Villaverde Pais. As tres propostas foron aprobadas de forma unánime polos tres grupos municipais (PP, PSOE e BNG).

Festivos locais

Finalmente, o Pleno ratificou a propostas da Alcaldía dos festivos locais do próximo ano 2024, que serán as festas de San Marcos e as de San Roquiño. A alcaldesa defendeu a importancia de velar polas festas de maior interese ou tradición para a veciñanza e as empresas localizadas no concello. PP e BNG votaron a favor da iniciativa, mentres que o PSOE decidiu absterse.