Este venres celebrarase a gran noite do folclore coruñés, con Cántigas da Terra, Aturuxo, Donaire e Son d’aquí
Este venres, 25 de agosto, comeza a tradicional Romaría de Santa Margarida, que protagonizará a última fin de semana das Festas de María Pita 2023.
Serán tres xornadas cunha programación centrada na música e o baile, partindo da tradición. Oito entidades da cidade serán o punto de partida da programación, integrándoas en diferentes espazos do programa, que tamén conta con grupos de recoñecido prestixio nos seus concertos nocturnos. O Goberno de Inés Rey dálle, deste xeito, un novo pulo á unha das grandes citas das festas coruñesas.
Mañá celebrarase a segunda gran noite do folclore, onde participarán Cántigas da Terra, Aturuxo, Donaire e Son d’aquí. Esta proposta pon en valor a música e o baile enriba dos escenarios. Xa para o sábado está preparada unha xornada participativa coas asociacións, onde o público poderá achegarse á explanada da Casa das Ciencias en horario de mañá e tarde para gozar de obradoiros para todos os niveis, así como coñecer máis das mesmas nos seus postos informativos. Para a noite, o anfiteatro de Santa Margarida converterase nun gran torreiro onde gozar de tres concertos galegos. Comezará Arredores, grupo novel, para continuar con Treixadura e, para rematar, Airiños da Freba.
A xornada do domingo 27 é a máis multitudinaria da Romaría. Pasarrúas con Pansenfron ou Os Gaiteiriños, o popular concerto da Banda de Música da Coruña e un novo escenario na zona das merendas. Á noite actuarán Xosé Lois Romero & Aliboria, proposta galega que precederá ao concerto de Sharon Shannon. A recoñecida acordeonista irlandesa visitará a cidade nunha noite que pechará Eliseo Parra. O gran renovador da música tradicional peninsular despídese este ano dos escenario e será a única cita programada en Galicia.