O alcalde de Ribeira, Luís Pérez e o concelleiro de Turismo, Francisco Suárez-Puerta presentaron hoxe unha nova estación de reparación de bicicletas de uso libre e gratuito para tódolos veciños e veciñas. As estacións, da empresa ribeirense Quintena, están dotadas das ferramentas necesarias para que calquera ciclista poida realizar pequenos traballos de reparación ou mantemento das súas bicicletas.
“O obxectivo destas infraestruturas, situadas en lugares de paso e enclaves estratexicamente interesantes, é servir de apoio e reforzo para que os cidadáns se animen a utilizar este vehículo” resaltou o alcalde Luís Pérez. “Contar cunha estación de reparación no concello permite aos ciclistas resolver problemas menores nas súas bicicletas de forma autónoma, o que non só aforra tempo e diñeiro, senón que tamén aumenta a confianza da xente no uso da bicicleta como principal medio de transporte.”
Actualmente hai 4 estacións nas seguintes localizacións: 1. Parque biosaludable de Artes, 2. Oficina de Turismo de Ribeira, 3. ao lado do Chiringuito Quimera, ao final do carril bici, 4. Rúa Norte, ao lado da cabina de teléfono. (Palmeira)
“O obxectivo é o de ofrecer un servizo complementario ás persoas que utilicen a bicicleta, promovendo o seu uso e o da rede de carrís bici. Fomentar o uso da bicicleta significa contribuir á redución das emisións de gases contaminantes e da conxestión de vehículos, o que ten un impacto directo na calidade do aire e na loita contra o cambio climático.” salientou o concelleiro de Turismo.